RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Millene: "Sempre nos fai moita ilusión vir a ABANCA-RIAZOR e xogar con ANOSAFORZA"

Millene presentouse concentrada e ilusionada na sala de prensa de Abegondo esta mañá: "o equipo está a prepararse, é unha semana importante".

A dianteira enxalza o poder de #ANOSAFORZA: "sempre nos fai moita ilusión vir a ABANCA-RIAZOR e xogar coa nosa afección", confesa que se teñen "moitas ganas de empezar a puntuar" e aproveita para convidar á xente a acudir ao estadio o domingo: "animo á xente a que veña a apoiarnos, cada partido importa".

No referente aos dous primeiros encontros, Millene mantén que o equipo tivo que "xogar máis defensivo" debido á dificultade e xogar ao contragolpe, pero, especialmente contra o FC Barcelona "fixemos un bo partido como equipo", asegura a xogadora. Tamén aproveita para agradecer o traballo das súas compañeiras no ataque: "enténdome moi ben con Bárbara e Hmírová, todas as fichaxes achegan moito ao equipo".

Con respecto ao Real Betis, a deportivista afirma que "é un reto duro, cada xornada demándanos unha versión diferente do equipo". Nesta ocasión, cre que As Nosas poderán sacar unha mellor versión e "facer máis dano". Tamén engade que "a parte defensiva será moi importante" para "sentirnos mellor co balón e gañar máis confianza".

Finalmente, Millene apela á forza do grupo para encarar unha temporada dura e de nivel máximo, como asegura, "estamos a sacar nosa mellor versión como equipo, temos moi boa conexión". No persoal, quere "marcar os goles que poida para axudar ao equipo" e, sobre todo, "crecer xunto ás miñas compañeiras".