RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Nova goleada dun Dépor que suma seis vitorias consecutivas e sitúase a un punto do liderado (0-4)

O Deportivo deu continuidade á súa serie triunfal na Ciudad Deportiva de Tajonar, onde goleou sen remisión ao filial do CA Osasuna e logrou unha vitoria que, unida aos resultados da xornada, sitúalle xa na segunda praza a só un punto do líder, a SD Ponferradina.

Imanol Idiakez, técnico deportivista, unicamente realizou un cambio con respecto ao once que presentou nas dúas últimas xornadas, obrigado pola lesión que sofre o galo Pablo Martínez. Dani Barcia ocupou a posición de central esquerdo.

O conxunto branquiazul dominou o encontro desde o asubío inicial dun encontro marcado pola constante e por momentos forte choiva caída sobre a cidade deportiva osasunista. No minuto 2, Stamatakis xa tivo que lucirse ante un remate moi próximo de Mella, que recibiu un balón na área de Ximo Navarro, que gañara a liña de fondo. Dous minutos despois, Diego Villares lanzou en longo para o propio Mella, que se plantou na área, onde disparou un tanto forzado co seu pé esquerdo. O porteiro local fíxose co esférico. 

Á terceira foi a vencida. Corría o minuto 7 cando Balenziaga centrou desde a esquerda para Barbero, que controlou virando sobre si mesmo para romper a Michelis e bater a Stamatakis cun disparo cruzado raso.

O dianteiro deportivista abriu brecha no marcador dez minutos máis tarde. Lucas buscou en profundidade a Ximo Navarro, que meteu a pelota no punto de penalti para Barbero, que controlou para sentar a Jorge More e ao porteiro e marcar a pracer o seu segundo tanto da noite.

Non todo foron boas noticias, xa que superada a media hora, Balenziaga tivo que deixar o partido. Jaime substituíu ao vasco e pasou a ocupar o lateral dereito, movéndose Ximo Navarro á posición de lateral esquerdo.

O Dépor gozou de boas ocasións no tramo final do primeiro tempo. No minuto 40, Mella estrelou un zurdazo no exterior da rede, nunha falta xogada en curto por Lucas cando todos esperaban que a colgase á área. Despois de que Osambela, no minuto 43, disparase raso á dereita da portería coruñesa, os branquiazuis dispuxeron de dúas boas opcións no tempo engadido. Primeiro, nunha acción individual de Yeremay na liña de fondo. O canario centrou para Jaime, que tocou lixeiramente o balón, que após rozar nun rival foise a córner. Após ese saque de esquina, Mella de novo puxo a proba a Stamatakis cun zurdazo afastado e raso que a meta grego rexeitou como puido.

Santi Castillejo, técnico do filial pamplonica, tratou de dar un envorco ao partido cun triplo cambio no descanso. Tardou dous minutos o Dépor en tombar a súa estratexia, posto que no minuto 47 Barbero completou o seu triplete após recibir un pase en profundidade de Lucas e superar a saída de Stamatakis cun sutil toque picado por riba. Con este 'hat-trick' ante o seu ex equipo, o '9' branquiazul suma 6 goles nas súas 11 aparicións no campionato ligueiro.

Por se quedara algunha dúbida, ao fío da hora de xogo o colexiado castigou con penalti unha patada de Osambela a Yeremay cando tentaba controlar a pelota. Lucas transformou a pena máxima no seu oitavo de gol da temporada, tamén oitavo nas últimas 8 xornadas ligueiras, e o número 51 da súa carreira como deportivista, que o sitúa na 20ª posición histórica, xa en solitario, por riba dos 50 tantos de Djalminha.

A media hora final serviu para dar descanso a algúns dos xogadores con máis quilómetros no que vai de temporada, como Jose Ángel, e dar minutos a canteiráns como Rubén López ou a recentemente chegados como Raúl Alcaina.

As mellores ocasións do último terzo de encontro estiveron en botas de Yeremay, no minuto 65, nun dereitazo de volea cruzado a centro de Barbero que se foi rozando o pau dereito; e por parte local, na cabeza de Auría, no minuto 74, que rematou fóra por pouco un centro de Dufur.

Así concluíu o partido, que supuxo a sexta vitoria consecutiva do Dépor, a mellor serie branquiazul desde que entre decembro de 2019 e febreiro de 2020, na súa última temporada en Segunda División, encadease 7 triunfos. O equipo coruñés empolícase, con 47 puntos, á segunda praza, a só 1 do líder, a SD Ponferradina. Os branquiazuis só perderon 1 dos últimos 14 partidos, nos que sumaron 33 dos 42 puntos posibles. Ademais, nas últimas 6 xornadas viron porta nada menos que en 21 ocasións (3,5 por partido) e só encaixaron 3 goles (0,5 por partido).

CA Osasuna B: Stamatakis, Guillem Molina (Azcona, min. 60), Jorge More, Michelis (Jon García, min. 46), Dufur, Ibaider Garriz (Cristian Mutilva, min. 46), David Rabadán (Auría, min. 46), Buján (Dani Sancho, min. 77), Osambela, Eneko e Agirre.

RC Deportivo: Germán, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Dani Barcia, Balenziaga (Jaime, min. 35), Diego Villares, Jose Ángel (Rubén López, min. 66), Mella (Davo, min. 66), Lucas, Yeremay (Hugo Rama, min. 80) e Barbero (Raúl Alcaina, min. 66).

Goles: 0-1 Barbero (min. 7); 0-2 Barbero (min. 18); 0-3 Barbero (min. 47); 0-4 Lucas, de penalti (min. 59).

Árbitro: José Alberto Pardeiro Puente (c. cántabro). Cartón amarelo a Jose Ángel (min. 32) David Rabadán (min. 39), Michelis (min. 45+3) e Jon García (min. 62).

Incidencias: partido correspondente á 25ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado na Ciudad Deportiva de Tajonar.