RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FUNDACIÓN

Nova xornada de fútbol inclusivo e convivencia co Dépor Genuine e os patrocinadores do RC Deportivo como protagonistas

O Dépor Genuine gozou esta fin de semana dunha nova xornada de fútbol inclusivo e convivencia que tivo lugar na Cidade Deportiva de Abegondo.

A xornada arrincou cunha charla na sala de prensa sobre o Proxecto Genuine a cargo de Carlos García Collazo, segundo adestrador do Dépor Genuine e terapeuta ocupacional.

A continuación, os deportivistas disputaron o seu segundo amigable desta temporada após o celebrado na Torre o pasado mes de outubro fronte a un Equipo pola Saúde Mental.

Nesta ocasión, xogadores do Dépor Genuine e xogadores procedentes dos diferentes patrocinadores do RC Deportivo (ABANCA, Duacode, Grupo Breogán Motor, Vales e Asociados, Ontime e Gestán Conteco) formaron dous equipos no campo de herba sintética de Abegondo.

O amigable acabou nunha emocionante igualada (2-2). Carmen e Alejandro Pereira por unha banda; e Álvaro López en dúas ocasións foron os goleadores dos dous equipos.

Ao acabar e despois dunha recorfontante ducha porque a mañá en Abegondo foi fresquiña, os integrantes dos dous equipos gozaron dun petisco na bancada da Cidade Deportiva.

A próxima cita para o Dépor Genuine será xa a primeira das 6 paradas de LaLiga Genuine 2024-25. A sede é Tarragona, co Nàstic de Tarragona como club anfitrión, quen recibirá a todos os equipos Genuine do 22 ao 24 de novembro no Fútbol Salou Sports Centre. A cerimonia de inauguración será no Nou Estadi Costa Daurada.

Os rivais branquiazuis serán o CD Tenerife EDI, Fundación Albacete e Fundación Barça.