A recollida de produtos básicos para os afectados da DANA da Fundación RC Deportivo en ABANCA-RIAZOR bate rexistros históricos con 80.000 quilos de solidariedade
Co propósito de contribuír coa situación que se está vivindo no Levante co paso da DANA, a Fundación RC Deportivo habilitou unha zona en ABANCA-RIAZOR onte sábado 2 de novembro para a recollida de alimentos e material, unha iniciativa que bateu rexistros históricos de solidariedade.
Os produtos requiridos foron artigos de hixiene, augas, zumes e leite, comida enlatada non perecedoira, galletas, cereais e bolería envasada, cubos, pas, toallas e escobas grandes, roupa en bo estado e roupa interior (nova) e alimentación e hixiene para bebés.
Esta iniciativa solidaria contou coa colaboración do Banco de Alimentos Rías Altas; coa axuda de futbolistas do Dépor como Jose Ángel e Mfulu; e do Deportivo ABANCA, caso de Carmen Carballada.
O Club conta coa participación do patrocinador ONTIME para o envío dos 80.000 quilos de material recompilado ás zonas afectadas distribuídos así: 70.000 quilos de produtos básicos e 10.000 quilos de roupa.
Onte en Cartaxena, Óscar Gilsaz, quixo en nome do Club "agradecer a toda a xente que se achegou a ABANCA-RIAZOR para esa recollida de produtos básicos. Todos debemos de estar solidarizados con esta catástrofe que tanto mal fixo".
Un dos capitáns, Diego Villares, tamén quixo dar as grazas na zona mixta do Estadio Cartagonova ás persoas que participaron nesta campaña da Fundación RC Deportivo: "É moi importante o que estamos a facer", manifestou o mediocentro lucense.
Finalmente en parecidos termos expresouse Mario Soriano: "Quero agradecer a toda a xente da Coruña por axudar ao que pasou en Valencia. Quero mandar moito ánimo a todas as familias, a toda a xente que está alí. Todo o apoio do mundo".