RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
TERESA HERRERA

O CD Leganés leva o Teresa Herrera con dúas poutadas nos últimos 10 minutos da final

A DéporXira Auga de Parada 2024 tivo esta noite en ABANCA-RIAZOR, en plenas festas da Coruña, o seu prato forte da pretemporada coa final da LXXIX edición do Trofeo Teresa Herrera ante o CD Leganés, nun choque que serviu ademais de presentación oficiosa do equipo branquiazul ante #ANOSAFORZA.

Os madrileños, dirixidos polo ex deportivista Borja Jiménez, estreábanse no decano dos torneos estivais despois do ascenso da pasada temporada a Primera División; e levaron a 'Torre de Hércules' con dúas poutadas de Avilés nos últimos 10 minutos de partido.

En rolda de prensa o pasado xoves, Imanol Idiakez advertiu que a pretemporada "serve para o que serve. É verdade que serve para recuperar o ton físico, para estar xuntos, para facer moitas probas.... Sacar moitas conclusións adoita ser un erro porque normalmente fas cousas que non vas facer durante a temporada. Hai mesturas que pasan, non hai puntos en xogo de verdade, os cadros están sen completar. Hai moitísimas cousas que recomendan que non saquemos grandes conclusións da pretemporada".

O encontro foi retransmitido en directo pola canle oficial de YouTube do RC Deportivo grazas a Auga de Parada.

Esta firma, referente histórico en cidade no equipamento para baños, fixo posible a retransmisión de todos os partidos de pretemporada.

Adiantouse no marcador o conxunto de Borja Jiménez desde o punto de penalti aos 12 minutos. Pablo Martínez derruba a Raba na área cando o atacante rival encaraba a Germán.

O 'Lega', un equipo de Primera División, mostraba perigo en cada achegamento. No minuto 25 Pablo Vázquez despexa un perigoso balón metido ao corazón da área pequena deportivista.

O Dépor responde cunha internada de Mella aos 23 minutos que Lucas, obstaculizado por un defensor, envía demasiado alto ao bordo da área pequena.

O saque de esquina consecuente cabecéao Mfulu nun espectacular remate ao que responde nunha gran parada a meta Juan Soriano.

Na recta final da primeira metade Arambarri rematou lixeiramente desviado na área un saque de falta desde o centro do campo. 

Con 0-1 no marcador chegouse ao descanso.

Con 2 cambios no Dépor arrincou a segunda metade. Eric Puerto e Barbero relevan a Germán e Jose Ángel.

A segunda metade iniciouse coa mesma tónica, equilibrio no xogo.

Unha xogada longa elaborada do CD Leganés por banda dereita acabou nun remate de R. López lixeiramente desviado. O 'Lega' buscaba o segundo.

Mella pon as táboas no minuto 58. O centro do campo branquiazul rouba un balón, o canteirán sae en velocidade, plántase só ante a meta rival e bate con clase a Juan Soriano.

Barbero estivo a piques de marcar o segundo pero o seu remate no minuto 62, a centro de falta de Lucas, lógrao despexar a meta madrileño.

O CD Leganés levou o trofeo con dúas transicións que culminou Avilés no minuto 82 e 85, con senllos disparos imparables para Eric Puerto.

A pesar da derrota, o Dépor mantense como rei do Teresa Herrera masculino cun total de 25 trofeos nas vitrinas por 9 do segundo clasificado, o Real Madrid CF.

Deportivo: Germán (Eric Puerto, min. 46), Ximo (Iano, min. 80), Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Jose Ángel (Barbero, min. 46), Mfulu (Rubén López, min. 72), Villares (Hugo Rama, min. 72), Mella (Kevin, min. 80), Mario Soriano (Luis Chacón, min. 80), Davo (Petxarromán, min. 57) e Lucas

CD Leganés: Juan Soriano (Alvin, min. 89), Raba (Avilés, min. 64), V. Rosier, Diego, Javi Hdez (Lalo, min. 64), R. López (Darko, min. 78), Arambarri, J. Chicco (Cisse, min. 78), Álex Gil (Juan Cruz, min. 78), Leiton (Franquesa, min. 46) e Guirao (Miguel, min. 78)

Goles: 0-1 Diego (min. 12); 1-1 Mella (min. 58); 1-2 Avilés (min. 82) 1-3 Avilés (min. 85)

Árbitro: Miguel González Díaz, do colexio asturiano. Amoestou a Mario Soriano (min. 60) e Diego (min. 73)

Incidencias: Partido correspondente á LXXIX edición do Trofeo Teresa Herrera masculino á que asistiron 12.108 persoas. O doutor Ramón Barral foi homenaxeado nos prolegómenos do encontro ao xubilarse despois de 25 anos no Club.

Avilés, premio Xogador Estrela Galicia

Avilés, autor dos 2 goles decisivos da final, foi nomeado Xogador Estrella Galicia.

O futbolista do CD Leganés recolleu o galardón de mans de José Martínez Vázquez, Relacións Públicas de Hijos de Rivera.