RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA busca mañá martes en Abegondo ante o Real Betis Féminas, en "un partido de primera división", o pase a oitavos de final da Copa de la Reina

O Dépor ABANCA e o Real Betis Féminas xóganse mañá martes 5 de novembro ás 20:00 horas en Abegondo (Teledeporte), a partido único, o pase aos oitavos de final da Copa de la Reina.

As Nosas chegan a esta terceira rolda copeira en 13ª posición da Liga F pero cun partido menos xogado debido á suspensión do encontro do pasado sábado no Estadio Antonio Puchades ante a Valencia CF Féminas a consecuencia da catástrofe provocada pola DANA no Levante.

Nas dúas eliminatorias anteriores as branquiazuis superaron a dous equipos de Segunda Federación: o Atlético Vilalonga FF (0-1) e o Sporting de Gijón (0-6).

Irene Ferreras ten a todo o seu cadro á súa disposición e incluíu ademais ás canteirás Paula Monteagudo e Carmen Carballada na citación.

A preparadora branquiazul admite que "hai unha diferenza entre a primeira e segunda rolda de Copa nas que tiñamos esa obrigación de pasar. Esta terceira rolda na que temos un rival de moita entidade é un partido de primera división".

Por conseguinte, advirte que "imos ter que esixirnos ao máximo para pasar".

Pola súa banda, o Real Betis Féminas que se estrea na Copa pola súa condición de equipo de Liga F a temporada pasada, venceu a pasada fin de semana (4-3) ao FC Levante Las Planas, resultado que sitúa ás verdibrancas na 10ª posición da Liga F con 8 puntos.

Ambos os equipos víronse en liga en ABANCA-RIAZOR o pasado 22 de setembro. O partido, moi igualado, acabou con empate (0-0). "Quedounos a espiña de gañalo. Tivemos ocasións ao final do partido para iso", subliñou Irene Ferreras na súa comparecencia ante os medios de comunicación.

Finalizado o choque, As Nosas descansan o mércores 6 e adestraranse de novo o xoves 7 a partir das 11:00 horas.