Arrinca a semana de traballo previa ao partido do luns 11 ante a SD Eibar en ABANCA-RIAZOR "tratando de sacar o mellor deste equipo"
Os Nosos arrincaron esta mañá no campo 2 de Abegondo a semana de traballo previa ao partido deste luns 11 de novembro ás 20:30 en ABANCA-RIAZOR (LaLiga TV Hypermotion) ante a SD Eibar, correspondente á 14ª xornada en LaLiga Hypermotion.
No seu acto de presentación como adestrador até final de temporada, Óscar Gilsanz apuntou este mediodía que "desde a semana pasada pómonos a traballar tratando de sacar o mellor deste equipo".
O corpo técnico, xa con David Lagar e Antonio Méndez, dispuxo hoxe após unha activación con rondos dun xogo de posición e un partido.
O adestrador deportivista explica que "entre as miñas peticións estaba a de Lagar, que xa era o meu segundo no Fabril e no Xuvenil A. É unha persoa de confianza. E levo traballando todo este ano con Antonio. Sei a experiencia que ten nesta situación, a experiencia que ten como segundo adestrador ou asistente en equipos de alto nivel. O Club aceptou de bo grado porque nos pode achegar a súa experiencia, o seu control do adestramento e das situacións que se produzan día a día".
Estiveron con adestramento personalizado Pablo Vázquez, Escudero, Ximo Navarro, Jose Ángel e Mfulu, estes dous últimos tamén sobre o céspede baixo a supervisión dos readaptadores Álex Canosa e Nando Rodríguez.
Jaime retirouse antes aos vestiarios cunha molestia na súa coxa esquerda, pendente de avaliación médica.
Así mesmo, Íker Vidal e o xuvenís Guerrero e Samuel foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.
Fernando Soriano, Director de Fútbol, referiuse precisamente a Samu na presentación de Óscar Gilsanz: "Un rapaz de segundo ano xuvenil que está a nivel 'de la leche'. O outro día no Fabril tivo que saír medio tempo. Tranquilamente podería estar o domingo no primeiro equipo".
Mañá xoves, o Dépor está citado a partir das 8:30 para almorzar e saltar ao céspede ás 11:00 horas.