O Dépor ABANCA busca mañá martes en Mareo ante o Sporting de Gijón seguir adiante na Copa de la Reina
O Dépor ABANCA buscará mañá martes 1 de outubro (16:45) ante o Sporting de Gijón seguir adiante na Copa de la Reina.
A eliminatoria, a partido único, xogarase no campo 1 de Mareo posto que o conxunto sportinguista, ao militar en Segunda Federación, é de inferior categoría.
O choque poderase seguir en directo en YouTube en RSG TV. Para os afeccionados que queiran animar ás deportivistas na bancada, a entrada de público custa 5 euros.
As Nosas chegan ao choque coa sensación agridoce do empate (2-2) ante o Athletic Club en liga do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR, co gol do empate vasco case no desconto.
É baixa por lesión Henar, na recta final da súa recuperación; mentres que Paula Novo, Carmen Carballada, Paula Monteagudo e Redru son as representantes de ANOSACANTEIRA.
En primeira rolda de Copa, o Dépor ABANCA apeou ao Atlético Villalonga FF (0-1), tamén de Segunda Federación, cun gol de Millene no desconto.
Pola súa banda, o Sporting de Gijón caeu en liga o sábado ante o Real Avilés CF (2-1). As gijonesas son pechacancelas con 0 puntos despois de 4 partidos xogados.
En Copa, as sportinguistas eliminaron ao Real Oviedo (2-4).
Despois da sesión de traballo desta mañá en Abegondo, As Nosas viaxan mañá, día do partido, á primeira hora a Gijón.
Finalizado o encontro, haberá o mércores xornada de descanso para o cadro branquiazul, que se adestrará de novo o xoves ás 11:00 na Cidade Deportiva.