O Dépor ABANCA, cos deberes feitos en Copa, cítase con outro grande, o Atlético de Madrid, no regreso de Ainhoa Marín
Despois do FC Barcelona o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR, unha semana despois o Dépor ABANCA cítase mañá domingo 15 de setembro ás 16:00 con outro grande do fútbol feminino nacional, o Atlético de Madrid.
O encontro disputarase no Centro Deportivo Alcalá de Henares e será retransmitido en directo por Dazn e Gol Play.
As Nosas chegan cos deberes feitos na Copa de la Reina ao eliminar o pasado mércores en Sanxenxo ao Atlético Villalonga FF de Segunda Federación grazas a un gol de Millene cando todo parecía abocado á prórroga.
É baixa Henar por lesión; ademais de Marina Artero e Olaya, clasificadas con España para os cuartos de final do Mundial sub-20 de Colombia.
Irene Ferreras recupera a Ainhoa Marín superada a súa lesión muscular. Carmen Carballada e Elena Vázquez son as representantes de ANOSACANTEIRA na citación de 18 futbolistas.
O Dépor ABANCA desprázase por autocar desde este mediodía ao finalizar a última sesión de traballo da semana.
O regreso, tamén por estrada, será ao concluír o encontro.
O plan de viaxe do Dépor ABANCA é o seguinte:
Sábado 14 de setembro 9:30: Adestramento en Abegondo 12:30: Saída en autocar a Madrid 19:00 (horario aproximado): Chegada ao Hotel AC Alcalá
Domingo 15 de setembro 16:00: Atlético de Madrid - Deportivo ABANCA, no Centro Deportivo Alcalá de Henares Ao concluír, regreso en autocar á Coruña
Pola súa banda o Atlético de Madrid no que milita a dianteira ex deportivista Gaby, arrincou a temporada con triunfo tamén en Alcalá de Henares por 2-0 ao Granada CF.