RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA mantén o liderado ante case 7.000 deportivistas en ABANCA-RIAZOR (2-1)

O Deportivo ABANCA dedicou unha nova vitoria ante o Deportivo Alavés Gloriosas aos preto de 7.000 deportivistas que se congregaron en ABANCA-RIAZOR para ver como as branquiazuis manteñen o liderado da Primera Federación Iberdrola unha xornada máis.

O número 13 non deu mala sorte ás deportivistas nesta ocasión, na súa décimo terceira vez en ABANCA-RIAZOR e o sexto partido oficial en #ANOSACASA despois de xogar na Copa de la Reina 2019-20 ante o Valencia CF (7-2); na máxima categoría nacional 2020-21 fronte ao Sevilla FC (1-2) e Atlético de Madrid (1-8); e na segunda división 2021-22 ante o DUX Logroño (0-0) e no playout dese mesmo curso contra o Real Unión de Tenerife (3-1). Os outros 7 encontros corresponden ao Trofeo Teresa Herrera, que as branquiazuis venceron en 3 ocasións, precisamente a última ante o Deportivo Alavés Gloriosas, resolto por 2-0 no pasado mes de agosto.

A primeira metade non deixou grandes ocasións por parte de ningún dos dous equipos.

O conxunto vasco foi o primeiro en probar fortuna, mediante un potente pero centrado dereitazo de Carrillo que capturou Yohana axeonllada no minuto 4. O primeiro remate branquiazul foi unha cabezada de Inés Altamira a centro de Ayaka, tamén centrada, a mans de Sofía. Millene disparou desde a frontal da área por riba do traveseiro no minuto 24 e a brasileira repetiu no 39 cunha volea á media volta nun balón solto na área, que estrelou no lateral da rede após rozar nunha defensa.

A oportunidade máis clara das visitantes chegou ao fío do descanso, nunha cabezada da franco-martiniqueña Laurène Tresfield nun saque de esquina ante o que Yohana respondeu con solvencia. Xa no tempo engadido, Laurina probouno cun dereitazo desde o punto de penalti. Sofía evitou o tanto blocando a pelota nunha gran intervención.

O Alavés comezou a segunda parte cunha marcha máis que as herculinas. Yohana blocou sobre a mesma liña de gol un balón solto despois de varios rebotes após un centro desde a dereita do ataque vitoriano no minuto 47 e poucos segundos despois, Almudena disparou desde a frontal da área, a pelota rozou nunha defensa branquiazul, e Yohana malia quedar descolocada reaccionou a tempo para facerse co esférico.

Despois de moitos minutos sen chegadas claras, o Dépor ABANCA adiantouse no marcador. Corría o minuto 70 cando Millene levou o coiro ao fondo das mallas despois dun centro de Ainhoa Marín rematado no segundo pau por ADT e rexeitado pola gardameta visitante. A brasileira fixo deste xeito o seu segundo tanto da temporada.

Carlota entrou despois por Laurina e puxo patas para arriba o partido con varias conducións. Unha delas, no minuto 82, acabou cun potente centro raso que se paseou por todo a área pequena e que non puido rematar Ainhoa Marín no segundo pau ao ser arremetida por Tresfield. Si puido rematar ADT en posición vantaxosa un centro da coruñesa desde o extremo dereito un minuto despois, para ampliar a vantaxe deportivista a dous goles. Foi o terceiro tanto da dianteira ibicenca, máxima anotadora deportivista no que vai de temporada.

Carlota tentou facer o terceiro após recuperar un balón en mediocampo, avanzar con velocidade cara á área e disparar coa dereita desde a frontal, pero a pelota perdeuse por riba do traveseiro.

Antes de que se cumprise o minuto 90, o equipo vitoriano recortou distancias, nunha inapelable cabezada de Carrillo no primeiro pau á saída dun córner. Pese ao gol vitoriano, as visitantes non foron capaces de poñer en apuros á defensa branquiazul nos cinco minutos de tempo engadido e o partido acabou cunha nova vitoria do Dépor ABANCA.

As pupilas de Irene Ferreras manteñen o liderado de Primera Federación Iberdrola, con 21 puntos de 24 posibles despois de 8 xornadas, con 2 de vantaxe sobre Almaha CF e RCD Espanyol (19), 5 sobre o cuarto clasificado, o CDF Osasuna Femenino (16) e 6 sobre o quinto próximo rival, o FC Barcelona B (15).

Deportivo ABANCA: Yohana, Cris Martínez (Samara, min. 63), Inés Altamira, Raquel García, Clara, Henar, Ayaka (Ana de Teresa, min. 63), Ainhoa Marín, Paula Gutiérrez, Laurina (Carlota, min. 73) e Millene (Eva Dios, min. 84).

Deportivo Alavés Gloriosas: Sofía, Cris Auñón, Tresfield, Pichi, Almudena (Rebecca Elloh, min. 60), Sheila, Alba Aznar (Da Eira, min. 81), Judith (Laura Moreno, min. 46), Andrea Carid (Vanesa Santana, min. 87), Carla Morera (Olga, min. 81) e Carrillo.

Goles: 1-0 Millene (min. 73); 2-0 Ana de Teresa (min. 83); 2-1 Carrillo (min. 88).

Árbitro: Nieves Herminia Delgado Beltrán (c. andaluz). Cartón amarelo a Almudena (min. 7), Henar (min. 61) e ao banco do Alavés (min. 78).

Incidencias: partido correspondente á 8ª xornada de Primera Federación Iberdrola disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 6.822 espectadores.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK