O Dépor ABANCA planta cara ao Levante Badalona pero non consegue puntuar por un gol no último minuto
O Dépor ABANCA (1-0) asina un partido sólido en Badalona pero non logra traerse un punto por un tanto no minuto 90.
Este resultado deixa ás branquiazuis con 2 puntos na 14ª posición da Liga F.
As Nosas comezaron o partido cunha presión alta que someteu a saída de balón do Levante Badalona. Ao cinco minutos de partido, Cris logrou golpear o balón na área, a pase de Ainhoa, pero este foi repelido a saque de esquina.
Co transcurso do primeiros dez minutos, as forzas fóronse igualando e ninguén conseguía facerse dono claro da posesión. O centro do campo converteuse no principal escenario dun tramo moi igualado no encontro.
No 16, Inês tapou á perfección o primeiro achegamento do cadro catalán e tres minutos despois, fixo o propio cunha boa man que evitou o primeiro do encontro.
Aos poucos, a balanza íase decantando ao lado badalonés, pero a extraordinaria actuación da porteira portuguesa e da zaga deportivista, aguantou de maneira sólida a ofensiva local e permaneceron as táboas no luminoso coa chegada do ecuador.
A segunda parte iniciou con bastante igualdade, unha lesión obrigou ao equipo local a facer un cambio temperán e ningún equipo conseguía achegarse con perigo á área rival.
No 58, Eva Dios deixou o verde por ADT no que foi o primeiro cambio do Dépor ABANCA, pero o enfrontamento non terminaba de desatascarse.
As incursións por banda do Levante Badalona eran repelidas pola zaga coruñesa e os contraataques das Nosas non causaban excesivo dano.
Xusto cando se cumpría o minuto 90 de xogo, após unha segunda parte moi disputada, Macarena Portales enviaría o balón ao fondo da rede desde a frontal para dar a vitoria ao cadro local.
Levante Badalona: María, Majarín, Llompart (Rebecca, min. 85), Irina (Banini, min. 73), Portales, Julve, Julia Mora, Itzi, Gh Chebback, Ana e Cubedo (Pujadas, min. 51)
Dépor ABANCA: Inês Pereira, Vera, Paula G., Eva Dios (ADT, min. 58), Millene (Hmírová, min. 83), Ainhoa, Olaya (M. Artero, min. 83), Raquel, F. Lara, Lucía e Cris M.
Árbitra: Paola Cebollada López, do comité aragonés
Gol: 1-0 M. Portales (min. 90)
Incidencias: partido correspondente á xornada 5ª da Liga F disputado no Municipal de Badalona