O Dépor ABANCA deu unha gran imaxe pero non conseguiu puntuar (0-3) no seu regreso á liga F ante o vixente campión de liga e de Europa, o FC Barcelona.
Todo un FC Barcelona, entre os mellores equipos do mundo, inauguraba a liga F en ABANCA-RIAZOR, así que o enfrontamento non se presentaba nada fácil para As Nosas.
O FC Barcelona comezou impondo o seu xogo e no minuto 4 xa tivo o seu primeiro achegamento após un fallo na recepción do coiro de Inês. Paula contestou para o Dépor no 11 por medio do saque dunha falta que tivo que despexar Gemma.
Ao primeiro cuarto de hora de encontro, o Barça deu o seu primeiro susto cun traveseiro nun saque desde o punto de esquina da capitá María León. No 25, As Nosas conseguiron sumar unha boa oportunidade por medio dun centro de Lara que puido rematar Millene, fácil para as luvas de Gemma.
A solidez defensiva do Dépor ABANCA, sumada ao esforzo de todo o equipo, resultaron nunha primeira parte sen goles.
As de Irene Ferreras saíron conectadas na segunda e no minuto 48, Millene probouse cun disparo da frontal que se marchou alto por pouco.
O seguinte achegamento apuntoullo Brugts, cunha volea que pasou próxima ao traveseiro após o rexeite dun córner. Con todo, coa entrada ao terreo de Aitana e Alexia, o xogo envorcouse máis ao lado blaugrana e, froito diso, despois dunha gran parada de Inês, Pajor aproveitou o rexeite para pór o 0 a 1 no minuto 58.
No 65 e após a marcha de Bárbara do terreo de xogo por Carlota, Inês detivo un man a man fronte a Alexia. No entanto, ao cinco minutos e a pesar de estar Millene tendida no terreo de xogo, o Barça anotou o segundo por medio de Brugts.
No terzo final, o enfrontamento permaneceu coa mesma tónica, pero o campión de Europa non conseguía penetrar a resistencia deportivista, grazas tamén á gran actuación de Inês baixo paus. Altuve e Cris ingresaron no verde para disputar os últimos compases do choque, pero nada puideron facer ante o terceiro gol do Barça e o segundo na conta particular de Pajor, no minuto 88.
Dépor ABANCA: Inês, Samara (Cris M., min. 82), Raquel (Carmen, min. 90), Vera, Elena, F. Lara, Hmirova, Paula G, Eva Dios, Barbara (Carlota, min. 63), Millene (Altuve, min. 82)
FC Barcelona: Gemma, María León, Jana (O. Batlle, min. 68), Graham, Rolfo (Marta, min. 80), Pajor, Kika (Alexia, min. 46), Walsh (Patri, min. 68), Engen, Brugts, Caño (Aitana, min. 46).
Árbitra: Elia María Martínez Martínez, do comité murciano. Amoestou a Inês (min. 33) e a Brugts (min. 52)
Goles (0-3): 0-1 Pajor, min. 58; 0-2 Brugts, min. 70; 0-3 Pajor, min. 88.
Incidencias: partido correspondente á primeira xornada da liga F 2024-25, disputado en ABANCA-RIAZOR ante 7.364 persoas. O clima mantívose asollado durante todo o partido, ao redor dos 20 graos