RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor, con ganas de terminar ben, pecha a liga mañá sábado ante o Real Unión de Irún con ambiente de festa en ABANCA-RIAZOR

A falta da Final de Campións da próxima semana nunha eliminatoria ante o CD Castellón (mércores 29 de maio en ABANCA-RIAZOR e domingo 2 de xuño en Castalia), o Dépor pecha a liga no grupo 1º de Primera Federación mañá sábado no estadio coa visita do Real Unión ás 19:00 horas (TVG-2 e FEF TV).

Un ambiente festivo en ABANCA-RIAZOR, con todas as entradas vendidas, despedirá a Os Nosos, campións de grupo desde fai 2 xornadas, ascendidos a Segunda División, e que suman até a data 75 puntos por 67 do Nástic de Tarragona e FC Barcelona Atlètic.

En rolda de prensa, Imanol Idiakez asegurou que o equipo "ten ganas de terminar ben a temporada. Na segunda volta os resultados son magníficos e gustaríanos terminar a temporada con outra vitoria, ante #ANOSAFORZA e mostrando a imaxe que mostramos sobre todo na segunda volta".

Serán baixa por lesión Germán Parreño, Hugo Rama e Yeremay, operado onte no Hospital QuirónSalud A Coruña co obxecto de resolver os problemas respiratorios que viña sufrindo os últimos meses.

O que será titular será Erik Puerto na portería, tal e como xa asegurou o pasado sábado en Zubieta o adestrador do Dépor en rolda de prensa.

No entanto, o técnico deportivista confesou que "non decidira o once. Estas semanas son un pouco raras e teño que ir vendo xente. Houbo procesos gripais... un pouco de todo. Co último adestramento feito e ao falar co doutor decidirei para mañá".

Iso si, subliña que "teremos un once competitivo no campo para tentar facer un bo partido". "Busco un pouco equilibrar. En función dos xogadores que teño claro que xoguen hai que atopar equilibrio porque hai un partido que xogar, que tentar gañar", engadiu.

Rubén López e Martín Ochoa son os representantes de #ANOSACANTEIRA nunha lista de 23 futbolistas.

Os Nosos realizaron esta mañá un último adestramento no campo 2 da Cidade Deportiva cunha activación con roldo e un ensaio do plan de partido.

Deportivistas e irundarras víronse as caras na primeira volta o pasado 5 de novembro de 2023 no Stadium Gal. O triunfo daquelas foi para os vascos (3-0).

A Real Unión, que a pasada fin de semana venceu (2-1) ao CF Fuenlabrada, chega á Coruña en plena pelexa por salvar a categoría. É 13º con 43 puntos, 2 puntos por encima do descenso.

O conxunto vasco, que anunciou que fará corredor ao Dépor antes do partido, necesita polo menos 1 punto en ABANCA-RIAZOR para non ter que depender de terceiros partidos.

Imanol Idiakez pensa que "o gol o outro día de Imanol Baz no 93 deulles moito aire. Ten que perder e que pasen 3 resultados máis, 3 vitorias máis. A probabilidade de descenso é moi remota. Eles terán máis tensión que nós porque o descenso sempre é unha ameaza moi difícil de manexar; e nós tentando equilibrar e manter esa activación suficiente para afrontar un partido para respectar o noso Club, o noso escudo, a competición, os rivais e ao fútbol".

Fran Justo, técnico do Real Unión, manifestou en rolda de prensa que ABANCA-RIAZOR "é a final deste camiño. Imos tentar que teña un final feliz".

Admitiu que após o triunfo ante o CF Fuenlabrada "houbo unha resaca emocional porque foi un partido de moitas emocións" e advirte que "nos imos a xogar todo na última xornada e vai demandar o mellor de nós".

Finalizado o encontro, o corpo técnico deportivista citou de novo aos seus futbolistas o luns ás 8:30 en Abegondo para comezar a traballar no céspede a partir das 11:00 horas.

📸GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK