RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor déixase #ONOSODERBI ante a efectividade do Celta (1-3)

O Deportivo caeu no derbi fronte ao Celta, malia mandar a maior parte do partido e xerar máis e mellores ocasións que o seu rival, que viu porta tres veces a pesar de tirar unicamente en catro oportunidades ao longo dos 90 minutos.

Cristóbal Parralo, adestrador branquiazul, realizou un só cambio con respecto ao once que presentou a pasada fin de semana no Camp Nou. Fernando Navarro deixou o seu posto no lateral esquerdo a Luisinho.

No primeiro achegamento do partido, o Celta adiantouse no marcador. Cumpríase o minuto 3 cando Daniel Wass, só no segundo pau, cabeceaba ao fondo da portería de Rubén un centro pechado de Pione Sisto desde o extremo esquerdo.

O Dépor, lonxe de verse noqueado por encaixar tan rápido, reaccionou con celeridade. Non pasaran nin dous minutos cando Rubén Branco evitaba o empate coruñés nun potente disparo de Emre Çolak desde a frontal da área. O porteiro visitante sacaba unha man milagrosa.

Após dez minutos de desputa, o Dépor acariñou de novo o empate nunha preciosa acción de ataque. Cumpríase o cuarto de hora cando Juanfran centraba ao bordo da área para Lucas, que se revolvía e filtraba o balón cara á chegada de Adrián polo extremo esquerdo. O dianteiro asturiano recortou cara a dentro e buscou o pau máis lonxano co seu pé dereito. A pelota escapouse por milímetros.

No minuto 21, unha nova xogada elaborada do Dépor levou aos branquiazuis a acariñar a igualada. O centro final de Juanfran, após un pase picado de Emre Çolak, envelenouse após rozar nun defensa vigués. O coiro foi cara ao segundo pau sen que nin uns nin outros puidesen contactar con el e perdeuse nun saque de esquina no que Sidnei non puido precisar o seu remate co pé dereito, noutra clara ocasión para o conxunto deportivista.

Tivo de novo unha boa oportunidade Guilherme, cando o cronómetro sinalaba o minuto 33. O brasileiro recuperou un balón en campo contrario, abriu cara á dereita para Carles Gil e seguiu a xogada. O mediocentro chegou ao centro, ao primeiro pau, coa súa cabeza, pero a súa cabezada peiteada paseouse por diante do portal celeste.

Tanto perdoou o Dépor, que o Celta non o fixo. No seu segundo achegamento, abriu brecha co seu segundo gol. Un pelotazo do porteiro vigués Rubén Blanco despexouno Sidnei cara atrás. Schär non puido desfacer o entorto e o balón quedou franco a Maxi Gómez, que cedeu por baixo cara ao segundo pau para que Iago Aspas empuxase comodamente o balón ao fondo das mallas. Corría o minuto 40.

Con 0-2 chegouse ao descanso. Após o mesmo, Cristóbal introduciu máis dinamita no once branquiazul, ao deixar na caseta a Emre Çolak para poñer en xogo a Florin Andone.

Con todo, no seu terceiro tiro a portería, o Celta anotou o seu terceiro tanto. Un libre directo no que Iago Aspas superou á barreira por riba e ante o que Rubén non puido responder. No minuto 53, o conxunto vigués mandaba no marcador por 0-3.

Cinco minutos despois, Andone recortaba distancias e devolvía a esperanza ao deportivismo. O romanés pescou na área un rexeite, despois dun claro penalti sobre Borges que o colexiado non sinalou, para facer o 1-3 no minuto 59. Pouco despois, Adrián conduciu un contragolpe que finalizou Carles Gil cun disparo desde o bordo da área que se foi por encima do traveseiro.

Após o gol, Cristóbal realizou a segunda modificación no once herculino. Fede Valverde entrou por Fabian Schär, co que Guilherme atrasou a súa posición até o centro da defensa.

No minuto 65, Adrián reclamou penalti por unha derriba de Cabral, que o empuxou cando o dianteiro deportivista adiantábaselle cun control orientado ao bordo da área.

A un cuarto de hora da conclusión, co Dépor practicamente monopolizando a posesión, Fede Valverde probouno cun disparo lonxano. Rubén Blanco detivo con seguridade o esférico. Case a continuación, Maxi Gómez estrelou unha cabezada no traveseiro a centro de Hugo Mallo.

Esa acción puxo practicamente o punto e final ao encontro, que entrou nun tramo final no que o Dépor tivo moito balón e pouca profundidade.

Após esta derrota, o Dépor finaliza o ano con 15 puntos após 17 xornadas. LaLiga Santander volverá para o conxunto branquiazul o vindeiro domingo 7 de xaneiro ás 18:30 horas, fronte ao Villarreal CF no Estadio de la Cerámica.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Sidnei, Schär (Fede Valverde, min. 60), Luisinho, Guilherme, Borges, Carles Gil (Borja Valle, min. 81), Emre Çolak (Andone, min. 46), Adrián e Lucas.

RC Celta de Vigo: Rubén Blanco, Hugo Mallo, Sergi Gómez, Cabral, Jonny, Lobotka, Tucu Hernández, Wass (Brais Méndez, min. 90+2), Iago Aspas, Maxi Gómez (Radoja, min. 79) e Pione Sisto (Emre Mor, min. 71).

Goles: 0-1 Wass (min. 3); 0-2 Iago Aspas (min. 40); 0-3 Iago Aspas (min. 53); 1-3 Andone (min. 59).

Árbitro: Undiano Mallenco (c. navarro). Cartón amarelo a Borges (min. 44), Schär (min. 49), Rubén Blanco (min. 62) e Hugo Mallo (min. 90+3).

Incidencias: partido da 17ª xornada de LaLiga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 27.924 espectadores.