O Deportivo, despois dun partido "máis que decente, dominando o xogo, chegando por unha banda e polo outro", tal e como resumiu Imanol Idiakez na sala de prensa, iniciou cun empate (1-1) ante o CD Eldense en ABANCA-RIAZOR en partido correspondente á 10ª xornada en LaLiga Hypermotion, un ciclo de 3 partidos en 8 días, coa visita ao Levante UD do xoves 24 e o choque ante o Racing de Santander do domingo 27 tamén en ABANCA-RIAZOR.
"Hoxe tiñamos a sensación de que ía caer. Non caeu. Díxenlles aos xogadores que isto é cuestión de insistir; e cando non entran, máis que nunca", apuntou o adestrador branquiazul.
Con este resultado, Os Nosos suman 10 puntos na táboa.
O técnico deportivista introduciu dúas variacións no once inicial respecto ao do pasado domingo en Elche: Bouldini entrou por Barbero e Mario Soriano na sala de máquinas por Villares.
Sobre Mario Soriano, o preparador branquiazul manifestou que "fixo un gran partido. Mario é un xogador de grandísimo talento, capacidade para xerar xogo con rivais preto, de xogar cara a adiante, superar liñas en condución... Hoxe decidimos xuntarlle con Mfulu para darnos xogo por unha posible formulación do rival de esperar".
Golpeou primeiro o CD Eldense. Aos 6 minutos Godoy rematou ao pau dereito da meta de Helton Leite. Os alacantinos fanse co rexeite e no centro seguinte, Jorquera cabecea á rede no segundo pau collendo por sorpresa á zaga branquiazul.
Respondeu Yeremay cun espectacular disparo que sacou o ex deportivista Ian Mackay nunha bonita parada.
Á xogada seguinte, o canario levou o aplauso da bancada nunha acción defensiva. Un fallo no remate após un córner a favor do Dépor deixa a Jorquera con todo o camiño libre até Helton. Yeremay arrebatou no último instante ao dianteiro do CD Eldense a posibilidade de remate despois de cruzar todo o campo ao esprint.
Aos poucos os branquiazuis montaron asedio sobre a meta rival. Lucas mete entre liñas a Bouldini que burla a saída de Mackay pero o seu disparo, frouxo, sácao Nacho baixo paus.
Tanto chegou o cantaro á fonte que Bouldini inaugura a súa conta goleadora no Dépor cun remate de cabeza imparable para Mackay a centro milimétrico de Lucas Pérez.
O partido equilibrouse no marcador e no xogo, con chegadas ás dúas áreas aínda que sen precisión na última liña de tres cuartos.
Na recta final do primeiro tempo, Mella, despois de regatear ao seu par, xuta á base do poste esquerdo da meta de Mackay.
A primeira metade acabou cunha falta directa ao bordo da área do CD Eldense que Lucas envía fóra por moi pouco.
Após o paso polos vestiarios, o partido arrincou máis pausado.
Yeremay tivo a primeira ocasión clara no minuto 54. Após regatear ao seu par na área xuta raso ao pau dereito de Mackay, que envía a saque de esquina.
Imanol Idiakez substitúe a Villares por Mfulu no mediocentro. Desvelou en rolda de prensa que "tivo unha molestia. Xa lle vin nunha carreira cara atrás que ía xusto. Decidín quitarlle e confirmóunolo", apuntou.
O acoso do Dépor era case constante aínda que con poucas ocasións claras neste tramo do partido.
Nunha contra levada por Yeremay que acaba en Mella, Bouldini non chega por pouco ao centro do canteirán. Corría o minuto 67.
Barbero e Cristian Herrera relevan a Yeremay, moi fatigado, e Bouldini en busca do gol do triunfo.
Ortuño tivo nas súas botas o 1-2 pero o seu disparo raso e ben colocado sacouno Helton Leite nunha boa intervención. Foi o único achegamento alacantino na segunda metade.
As chegadas branquiazuis por banda eran constantes aínda que sen esa precisión final no último pase.
Mackay evita o gol nun disparo abaixo de Cristian Herrera. O canario recibiu de novo de Lucas.
Case na xogada seguinte, Pablo Vázquez cabecea fóra por pouco un saque de esquina ao segundo pau.
O Dépor apurou todas as súas opcións na recta final pero non houbo incidencia no marcador, que acabou con 1-1.
Deportivo: Helton Leite, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Dani Barcia, Obrador, Mfulu (Villares, min. 55), Mario Soriano, Mella, Lucas, Yeremay (Cristian Herrera, min. 69) e Bouldini (Barbero, min. 69)
CD Eldense: Mackay, Iván Martos (Marc, min. 46), Dumic (Youness, min. 75), Sergio Ortuño, Quintana, Nacho, Fran Gámez, J. Jorquera (Iván Chapela, min. 64), Álex Bernal, Timor Sva (Ortuño, min. 80) e Godoy (Simo, min. 64)
Árbitro: Galech Apezteguía, do comité navarro. Amoestou a Timor Sva (min. 23), Iván Martos (min. 43), Jorquera (min. 50), Obrador (min. 67), Dani Barcia (min. 69) e Lucas (min. 87)
Goles: 0-1 Jorquera (min. 7); 1-1 Bouldini (min. 25)
Incidencias: partido correspondente á 10ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en ABANCA-RIAZOR ante 21.326 espectadores