O Dépor buscaba en Zaragoza romper varias xeiras da temporada, entre outras, enlazar dous partidos consecutivos gañando fóra de casa. E fíxoo apostando de inicio pola continuidade respecto do visto en Soria hai unha semana. A ausencia obrigada de Somma por sanción e o único cambio de Saúl por Caballo foron os movementos realizados por José Luis Martí na busqueda do pleno de vitorias.
Os primeiros cinco minutos estiveron infestados de imprecisións, perdas e ataques e contraataques consecutivos que morreron na frontal de ambas as áreas. O primeiro disparo, desviadísimo, chegou no minuto 6 das botas de Neto. No minuto 8 Dani si tivo que intervir nun bo tiro desde a frontal que lle botou xusto diante da man antes de despexar. Foi o máis destacado dun primeiro cuarto de hora no que o ritmo e, sobre todo, a intensidade dos primeiros minutos foise diluíndo co Zaragoza tendo máis posesión que o Dépor.
A primeira gran combinación do Deportivo chegou camiño do 21 cun balón entre dous xogadores de Saúl para habilitar ao mediocentro. Expósito, Borja Valle e Carlos materializaron unha parede que sitúo ao berciano dentro da área nunha acción cortada por Verdasca tirándose ao chan. Foi o prólogo dunha xogada polémica na que todo o Deportivo pediu man nun balón colgado á área por Saúl.
Ao fío da media hora, despois de varias chegadas e corners sen perigo do Zaragoza, Quique gañou liña de fondo após gran pase de Fede pero non estivo preciso na cesión cara a Carlos e Borja que se incorporaban esperando un pase letal á área pequena.
Cara ao descanso, os minutos consumíronse co dominio sen perigo do Zaragoza ante un Dépor ben replegado atrás e tentando saír á contra. Nunha das poucas chegadas dos branquiazuis, a un minuto do intermedio, un maxistral pase raso de Carlos Fernández a Borja Valle converteuse na mellor ocasión da primeira parte. O disparo do dianteiro desde case a frontal foise alto.
A segunda parte comezou moi trabada e no dez primeiros minutos apenas se xogou ao fútbol polas faltas e un par de entradas das asistencias médicas do Real Zaragoza. Un Zaragoza que tivo o control do partido até o minuto 60, no que chegou a súa primeira gran ocasión após unha perda deportivista en zona esquerda. Biel acomodouse o disparo na frontal obrigando a despexar en estirada a Dani Giménez. Era o segundo lanzamento dos maños no partido, ambos os despexados pola meta, por ningún do Dépor até ese momento por dentro do marco.
O terceiro chegou das botas de Gual no 71, xusto despois do primeiro cambio deportivista, a entrada de Matías Nahuel por Borja Valle. E a cuarta puido ser a definitiva, con parada de Dani, rexeite de Gual que case mete para dentro sen apenas ángulo nun balón que acabou sacando baixo paus Eneko Bóveda.
Co Zaragoza acosando ao Dépor, con máis posesión, ocasións e tiros a porta, o partido caeu ao lado visitante a seis minutos do final. Un bo pase cruzado de Edu Expósito, que viu só á súa dereita a Pedro Sánchez, abriu a defensa e o camiño do triunfo ao Dépor. O exjugador do conxunto aragonés non o pensou dúas veces, acomodou o corpo e disparou seco e cruzado á base do poste para bater a Cristian e pór o 0-1 no marcador.
A partir dese momento o Dépor soubo contemporizar, deixar pasar os minutos e sufrir, talvez máis da conta, xa que Gual estivo a piques de marcar no último dos 95 minutos do partido. Finalmente os 3 puntos viaxan cara á Coruña, permitindo ao Deportivo regresar aos postos de playoff de ascenso após o pleno de acerto neste partido e de resultados nos dous desprazamentos consecutivos lonxe de ABANCA-RIAZOR.
Real Zaragoza: Cristian, Verdasca, Guitián, Álvaro, Eguaras (Javi Ros, min. 71), Neto, Papu (Guti; min. 55), Marc Gual, Zapater (Pombo, min. 87), Delmás e Pep Biel
RC Deportivo: Dani Giménez, Eneko Bóveda, Pablo Marí, Domingos Duarte, Saúl García, Álex Bergantiños, Edu Expósito, Fede Cartabia (Vicente Gómez, min. 90+1), Borja Valle (Matías Nahuel, min. 70), Quique e Carlos (Pedro Sánchez, min. 81)
Árbitro: Vicandi Garrido (c. Vasco). Amoestou a Marí (min. 5), Eguaras (min. 13), Verdasca (min. 36), Neto (min. 42), Guitián (min. 79)
Incidencias: partido correspondente á 37ª xornada de LaLiga 1|2|3 disputado na Romareda ante 20.400 espectadores, un centenar deles deportivistas.