RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor frea ao líder para achegarse ao grupo de cabeza (1-0)

O Deportivo celebrou o 79 aniversario de ABANCA-RIAZOR parando os pés ao líder, o Nàstic de Tarragona, grazas a un solitario tanto de Pablo Martínez que xa sitúa aos branquiazuis practicamente a tiro de pedra do grupo de cabeza.

Imanol Idiakez, técnico deportivista, realizou un único cambio con respecto ao once inicial que presentou na vitoria do pasado sábado na Nova Creu Alta. Pablo Martínez regresou após cumprir sanción en Sabadell, en lugar de Jaime.

A primeira metade, sobre todo o primeiro cuarto de partido, presentou a un visitante dominador, cunha presión alta que incomodou ao Dépor. O dominio, con todo, non reportou grandes ocasións de gol aos tarraconenses. No minuto 4, Mackay despexou de puños un córner que Joan Oriol devolvera cara á área pequena cunha cabezada desde o segundo pau. No 8, Andy tentou sorprender ao gardameta coruñés após unha recuperación en mediocampo, cun disparo practicamente desde a liña central que acabou coa pelota sobre a parte superior da rede da meta herculina.

O Dépor probou por primeira vez ao porteiro visitante no minuto 19. Lucas disparou desde o bordo da área, a pelota golpeou nun defensa e Varo sacouna a córner como puido, cun lapote que por pouco non acabou co coiro dentro da súa portería. Á media hora, Villares probouno desde o bordo da área após recibir un pase de Lucas desde o extremo esquerdo. Case sen carrerilla, o villalbés buscou esquinar o seu lanzamento, que se foi rozando o pau esquerdo. A mellor ocasión deportivista nos primeiros 45 minutos chegou no tempo engadido. Lucas atopou a Hugo Rama cun pase interior e o dereitazo cruzado do santiagués rexeitouno coas pernas o gardameta visitante.

A segunda metade arrancou nun escenario totalmente distinto. O Dépor saíu a por todas, xerando numerosas oportunidades claras durante o primeiro cuarto de hora. No minuto 48, centrou Hugo Rama, Lucas controlou no segundo pau e o seu zurdazo cruzado rexeitouno Varo de novo coas pernas. No minuto 50, Jose Ángel rematou fóra no primeiro pau un centro de Salva Sevilla despois dun córner xogado en curto entre o almeriense e Lucas. Uns segundos despois, Martín Ochoa, completamente só, cabeceou alto un centro desde a dereita de Paris Adot. Lucas dispuxo dunha opción aínda máis clara no minuto 56, cando quedou man a man co porteiro visitante despois dun servizo de Martín Ochoa desde a dereita. Varo saíu aos seus pés e puido evitar o caneo do dianteiro coruñés, ao que se lle foi un pouco longo o último control. O gardameta tarraconense tamén estivo providencial no minuto 58, cando desviou un centro de Hugo Rama que se envelenou ao desvialo Pablo Trigueros. O coiro acabou en saque de esquina previo golpeo na parte superior do traveseiro. No minuto 62, o propio Hugo Rama topouse coas pernas dun defensa nun dereitazo desde fóra da área. O esférico foise a córner lamendo o traveseiro mentres Varo, totalmente descolocado, facía a estatua.

Cando parecía que o encontro volvía equilibrarse, chegou o único gol do partido. Unha xogada que durante dez meses rozou o gol sen éxito tantas e tantas veces, por fin atopou premio. Lucas lanzou un córner desde a dereita do ataque coruñés e Pablo Martínez cabeceou sobre o seu marcador no segundo pau, marcando por fin o seu primeiro gol coa camiseta branquiazul.

O encontro entrou nunha fase máis pechada, máis loitada, o que elevou a desesperación tarraconense, até o punto de que David Concha deixou ao seu equipo cun menos ao ver dúas amarelas en 7 minutos. O Dépor dispuxo de dúas boas posibilidades de pechar o partido en senllos contragolpes no tempo engadido. Primeiro, nunha veloz internada de Mella cuxo centro non puido rematar Lucas, e despois nun centro desde a dereita de Paris Adot que controlou o propio Lucas, cuxo zurdazo foise á dereita do marco catalán.

Así se pechou a primeira vitoria en casa de toda a temporada e segunda consecutiva trala lograda o pasado sábado en Sabadell. O Dépor suma 7 dos últimos 9 puntos, ademais fortalecido por dous resultados positivos ante o líder do campionato nese momento: empate en Ponferrada e vitoria hoxe ante o Nàstic. Os branquiazuis alcanzan os 14 puntos despois de 10 xornadas, situándose a 6 puntos do primeiro clasificado e a 4 do grupo que ocupa as 4 posicións de playoff.

RC Deportivo: Mackay, Paris Adot, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Retu (Balenziaga, min. 88), Salva Sevilla, Jose Ángel, Diego Villares, Hugo Rama (Mella, min. 83), Martín Ochoa (Pablo Valcarce, min. 71) e Lucas.

Gimnàstic de Tarragona: Varo, Pol Domingo (Pochettino, min. 84), Nacho, Pablo Trigueros, Joan Oriol, Andy (Mario Rodríguez, min. 74), Borja Martínez, Montalvo (Gorostidi, min. 46), Jaume Jardí (David Concha, min. 59), Pablo Fernández e Marc Fernández (Santamaría, min. 59).

Gol: 1-0 Pablo Martínez (min. 71).

Árbitro: Eder Mallo Fernández (c. vasco). Expulsou a David Concha (min. 87) por dobre amarela. Cartón amarelo a Borja Martínez (min. 35), Montalvo (min. 41), Joan Oriol (min. 62), David Concha (min. 80) e Pablo Fernández (min. 90+2).

Incidencias: partido correspondente á 10ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 20.063 espectadores.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK