Dous grupos de traballo esta mañá para un Dépor "coa ambición de seguir crecendo na competición"
O Dépor adestrouse de novo esta mañá en Abegondo, tal e como subliñou onte na zona mixta Helton Leite, "coa ambición de seguir crecendo na competición".
Os futbolistas titulares onte ante o Sporting de Gijón en ABANCA-RIAZOR baixaron a carga de traballo e só realizaron a primeira parte do adestramento, concretamente a activación cos rondos.
Para os demais, houbo ademais unha tarefa de posición, un exercicio de finalizacións e fútbol reducido, de alta intensidade.
Jaime entrou na parte final da súa recuperación e, do mesmo xeito que Jose Ángel, traballou unha parte co grupo e outra cos readaptadores, Alejandro Canosa e Nando Rodríguez.
Están hoxe con adestramento personalizado Yeremay, Dani Barcia e Bouldini. Charlie Patiño, afectado cunha viriasis, marchouse ao seu domicilio por orde dos Servizos Médicos.
Alfaro, que debutou onte co primeiro equipo, Alberto, Aarón e Fabián foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.
Mañá martes 26 de novembro haberá xornada de descanso. O Dépor regresa aos adestramentos o mércores 27 de novembro ás 11:00 na Cidade Deportiva nunha semana con visita ao Nuevo Mirandilla, este sábado 30 de novembro ás 18:30 ante o Cádiz CF (LaLiga TV Hypermotion, M+ e Fútbol 2).