RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor pecha a pretemporada cunha convincente vitoria con protagonismo de ANOSACANTEIRA (0-3)

O Dépor pechou a #DéporXiraAugaDeParada co bo sabor de boca dun novo triunfo ante o CD Arenteiro, equipo recentemente ascendido a Primera Federación. Foi unha vitoria convincente, cos branquiazuis levando case sempre o peso do partido e recibindo moi poucos disparos do rival, na que gozou de gran protagonismo #ANOSACANTEIRA, sobre todo na segunda metade.

O novo técnico deportivista, Imanol Idiakez, regresou ao tradicional 4-2-3-1, con Dani Barcia como novo lateral esquerdo e Isi Gómez e Diego Villares como parella de mediocentros pola ausencia de Jose Ángel, baixa de última hora por unhas molestias na coxa esquerda. O fabrilista Barba supliu na convocatoria ao volante sevillano.

O Dépor arrancou con bo pé, xerando dúas claras ocasións nos primeiros minutos de xogo. No minuto 2, Barbero rematou coa esquerda moi preto do pau dereito da meta local un centro de Mella desde a esquerda. Poucos segundos despois produciuse un zurdazo excesivamente cruzado de Mella após unha rápida transición conducida por Isi Gómez.

Os branquiazuis adiantáronse no marcador ao fío do cuarto de hora. Davo marcou a porta baleira despois dun pase de Mella, que roubou a pelota no custado área contraria ao central Javi Moreno.

O conxunto coruñés foi claro dominador, aínda que na segunda metade do primeiro tempo apenas creou ocasións de perigo. No minuto 21 chegou un centro-chute de Ximo Navarro, que Diego atrapou con seguridade. Xa en tempo engadido, un zurdazo de Kuki Zalazar foise por escasos centímetros por encima do traveseiro.

Entre medias, no minuto 23 chegou o único disparo a porta do conxunto do Carballiño. Foi un zurdazo raso desde fóra da área de Jordan que capturou Germán con facilidade.

Coa entrada de Barba na segunda metade, Imanol Idiakez probou un esquema 4-3-3, con Isi Gómez e Diego Villares aos lados do pivote fabrilista, Lucas en lugar Barbero como dianteiro centro e Kuki Zalazar e Mella nos extremos.

Pouco antes dos dez minutos do tempo complementario, Ger cometeu penalti sobre Mella ao agarralo por detrás. Pero Diego García adiviñou a intención de Lucas e detivo o lanzamento lanzándose cara á súa dereita.

As mellores ocasións do CD Arenteiro chegaron no tramo central da segunda parte. No minuto 62, Germán realizou unha gran intervención para rexeitar un libre directo de Pibe desde a media lúa. Poucos segundos despois, o ex deportivista Miku cabeceou fóra en posición inmellorable. No minuto 73, Germán despexou a córner co seu puño dereito un duro disparo afastado novamente de Pibe.

Pouco antes, Ger sacou a córner coa cabeza sobre a liña de gol un zurdazo de Lucas desde o punto de penalti após chegada de Balenziaga á liña de fondo.

Co carrusel de cambios da segunda metade, o Dépor acabou xogando o último cuarto de hora cun once repleto de fabrilistas: Germán; Marc Lachèvre, Pablo Martínez, Dani Barcia, Balenziaga; Barba, Jaime; Diego Gómez, Jairo, Lucas; e Martín Ochoa.

E o Dépor funcionou tan ben que acabou goleando. No minuto 85, Lucas aproveitou un erro de Pablo Brea na saída do balón para marcar a porta baleira desde 30 metros. E poucos segundos despois, Diego Gómez bateu ao gardameta cedido polo Dépor cun sutil zurdazo cara ao pau máis afastado despois de recibir unha sublime asistencia de tacón de Lucas.

CD Arenteiro: Diego García (Pablo Brea, min. 64), Ger, Javi Moreno (Marquitos, min. 64), Vitra, Pol Bueso, Pibe (Manín, min. 75), Curro, Álex Fernández, Jordan (Iván, min. 46), Juan Delgado (Thiago, min. 64) e Miku.

RC Deportivo: Germán, Ximo Navarro (Balenziaga, min. 66), Pablo Vázquez (Jaime, min. 66), Pablo Martínez, Dani Barcia, Diego Villares (Marc Lachèvre, min. 75), Isi Gómez (Jairo, min. 75), Davo (Barba, min. 46), Kuki Zalazar (Martín Ochoa, min. 66), Mella (Diego Gómez, min. 75) e Barbero (Lucas, min. 46).

Goles: 0-1 Davo (min. 14); 0-2 Lucas (min. 85); 0-3 Diego Gómez (min. 86).

Árbitro: Jesús López Fernández (c. galego). Cartón amarelo a Curro (min. 17), Jordan (min. 28), Pablo Martínez (min. 31), Álex Fernández (min. 40), Pibe (min. 45+1) e Ximo Navarro (min. 61).

Incidencias: encontro amigable, sexto e último da #DéporXiraAugaDeParada, disputado no estadio municipal de Espiñedo (O Carballiño).

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK