RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor pecha a primeira volta mañá domingo en León co regreso de Barbero a unha convocatoria

O Deportivo, co apoio de máis de 1.500 afeccionados, pecha a primeira volta no grupo 1º de Primera Federación mañá domingo 14 de xaneiro ás 18:00 (FEF TV) no Estadio Reino de León ante a Cultural Leonesa, en partido correspondente á 19ª xornada.

Os resultados da última xornada, co triunfo (2-1) en ABANCA-RIAZOR o pasado xoves 4 de xaneiro ante a Real Sociedad B, deixaron aos branquiazuis en 6ª posición da táboa con 29 puntos.

A novidade na convocatoria feita pública esta mañá é o regreso de Iván Barbero após superar a súa lesión de xeonllo. En rolda de prensa onte, Imanol Idiakez cualificou a súa volta como "unha gran noticia" aínda que advertiu que "despois dunha lesión tan longa vai necesitar o seu tempo para porse en forma, para coller o ritmo de competición; pero até nos sorprendeu o ben que adestrou durante a semana. É un mozo moi valente e nótase. Estamos moi contentos porque poida volver, porque nos pode axudar o domingo un ratito e desexando que se poña no seu mellor nivel, que xa nos demostrou en pretemporada e no inicio de liga o que nos pode achegar".

Tamén entrou na lista Eric Puerto, reforzo na portería, aínda que segundo confirmou o adestrador deportivista o titular mañá no Estadio Reino de León será Germán Parreño: "Vén con ritmo, vén de competir, vén de ser titular, con ritmo de competición, que ademais estaba a facer unha moi boa temporada. Necesita un tempo para adaptarse e coñecer aos compañeiros, ao adestrador, coñecer o que facemos, asentarse na cidade. Estou convencido que ten moi bo nivel", apuntou Idiakez.

Son baixas os lesionados Villares, Berto Cayarga, Pablo Valcarce, Retuerta e o canteirán Martín Ochoa; ademais de Jose Ángel, sancionado cun partido pola súa expulsión ante a Real Sociedad B.

"Oportunidades para outros", asegurou o adestrador branquiazul con respecto ás ausencias: "Teño que buscar a mellor composición para que teñamos bo rendemento en función do que temos nós e do que esperamos do rival e desde aí a ver se acertamos. Temos capacidade e xogadores suficientes para poder facer un bo once tamén na medular do domingo. E iso imos tentar".

Mella, Rubén e Jairo serán os representantes de #ANOSACANTEIRA na convocatoria.

O Dépor realizou esta mañá en Abegondo unha última sesión de traballo, cunha activación con roldo; un exercicio táctico; e un repaso ao plan de partido e ás accións a balón parado para concluír.

Pola súa banda, a Cultural Leonesa, que na primeira xornada de 2024 empatou (0-0) en Teruel, é 3º na táboa con 34 puntos. Estes días, o cadro leonés reforzouse con Fabio Blanco, un extremo destro procedente do Vilarreal CF; e de Luis Bilbao, un extremo zurdo que chega do Athletic Club.

A 'Cultu' no que militan os ex deportivistas Bicho e Quique Fornos, no seu estadio esta temporada impúxose á SD Logroñés (1-0), CF Rayo Majadahonda (2-1), CD Arenteiro (1-0), UE Cornellà (1-0), FC Barcelona Atlétic (3-1), Real Unión (2-0) e CE Sabadell FC (3-0); e caeu unicamente co Osasuna B (0-2).

Precisamente Bicho, en rolda de prensa ao longo da semana, vaticina "un partido grande. Esperemos que o campo estea cheo como o día do Barça B. Eles moven moita xente e creo que vai vir moita xente da Coruña".

O atacante de Sada admite que "os últimos partidos fóra de casa non conseguimos os resultados que queriamos pero en casa somos un equipo moi forte, é moi difícil meternos man e queremos seguir nesa liña".

Quique Fornos confesou tamén ante os medios de comunicación que ao Dépor "téñolle certo agarimo porque foron 10 anos nesa canteira, podendo debutar con eles. Faise especial polo tempo pero o que hai en xogo son 3 puntos, como outro partido calquera".

E Raúl Llona, adestrador da Cultural, afirmou que "somos conscientes que nos enfrontamos a un equipo histórico, dunha traxectoria como a do Deportivo que non a imos a descubrir agora pero estamos centrados no noso día a día. Volvemos xogar no Reino de León, diante da nosa afección, seguen sendo 3 puntos como o resto dos demais días, quedaría despois toda a segunda volta... Imos tentar gozar o partido co aliciente que ten pero sabendo que non deixa de ser un partido como os demais".

Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o luns 15 de xaneiro ás 11:00 en Abegondo.