O Dépor regresa aos adestramentos nunha mañá marcada pola borrasca Kirk
Despois da xornada de descanso de onte martes, o Dépor regresou hoxe mércores aos adestramentos en Abegondo nunha mañá marcada pola profunda borrasca Kirk que afectou á Coruña e á súa comarca.
Helton Leite restou importancia ante os medios de comunicación ao mal tempo: "Isto é a vida. Hai que ter moitas precaucións para que toda a xente estea ben".
Con vento e choiva por momentos intensos, Os Nosos comezaron a preparar o partido deste domingo 13 de outubro ás 21:00 no Estadio Martínez Valero de Elche (LaLiga TV Hypermotion) conscientes, tal e como apuntou o porteiro deportivista en rolda de prensa, que "temos que estar ao noso mellor nivel".
As únicas ausencias foron as de Yeremay, concentrado coa selección española sub-21; e Juan Gauto, lesionado.
Os fabrilistas Kevin Sánchez, Aarón e Pablo García foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
Imanol Idiakez, após unha activación, dispuxo un xogo de posición con porterías pequenas e series de partidos en espazo reducido.
Mañá xoves, Os Nosos adestraranse de novo en Abegondo a partir das 11:00.