RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor visita mañá sábado ao terceiro equipo dos recentemente descendidos, un Cádiz CF "do mesmo xeito que o Almería con moitos xogadores de Primeira División"

O Dépor pechará a visita aos 3 descendidos a pasada temporada de LaLiga EA Sports, e por conseguinte a 3 dos claros aspirantes ao ascenso, mañá sábado 30 de novembro ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion, M+ e Fútbol 2) no Nuevo Mirandilla ante o Cádiz CF.

O denominador común a todos estes encontros é que tanto os gaditanos como a UD Almería e o Granada CF transitan de momento por posicións afastadas á zona nobre, o que dá boa conta da igualdade da competición. Do mesmo xeito que os almerienses, Óscar Gilsanz advirte que o equipo gaditano "ten moitos xogadores de Primera División"

Os Nosos, que co empate da pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante o Sportig de Gijón son decimooctavos con 17 puntos na táboa, anteriormente saldaron o encontro no Nuevo Los Cármenes granadino con empate (1-1) e o choque no UD Almería Stadium con derrota (2-1).

Antes de partir de viaxe a Cádiz vía Sevilla, Óscar Gilsanz confirmou na sala de prensa de Abegondo que non están dispoñibles Jose Ángel, Bouldini e Dani Barcia.

O técnico branquiazul, preguntado polo central coruñés e o dianteiro marroquí, prefire non dar prazos para a súa recuperación aínda que espera que "poidan comezar a traballar a semana que vén; pero imos ser prudentes e esperar, ir día a día".

Sobre Yeremay, afirmou que "en principio está ben. Fixo unha boa sesión de adestramento o pasado mércores, un pouco por encima do que tiñamos previsto. Está ben, está dispoñible. Veremos sensacións ao chegar a Cádiz para ver se podemos contar de inicio con el ou non".

O Dépor realizou esta tarde unha última sesión de adestramento, de apenas unha hora de duración, na Cidade Deportiva de Cádiz CF, consistente nunha activación cun roldo e fútbol en espazo reducido, de alta intensidade. 

A fin de semana será especial para Lucas Pérez. O capitán branquiazul regresou a ABANCA-RIAZOR hai 2 anos procedente precisamente do equipo gaditano, por aquel entón en Primera División.

Óscar Gilsanz ve ao futbolista coruñés "traballando ben, con ganas de que chegue o partido. Non vexo un brillo especial nos seus ollos. É un futbolista que sempre pon moitas ganas no día a día. Faralle ilusión por atoparse con ex compañeiros ou con amigos; pero está con moitas ganas".

Pola súa banda, o Cádiz CF, que a pasada fin de semana empatou en Granada (0-0), é 16º con 18 puntos, 1 punto máis que o Dépor.

No seu campo esta campaña, os andaluces gañaron ao Real Oviedo (2-0) e ao Córdoba CF (2-0); empataron co CD Tenerife (2-2), Racing de Ferrol (0-0) e Málaga CF (2-2); e caeron co Real Zaragoza (0-4), CD Eldense (1-2) e Real Racing Club (0-1).

Nas súas redes sociais, o club cadista apunta que no seu campo será o 29ª partido oficial entre os dous equipos, resoltos con 12 vitorias, 6 empates e 10 derrotas.

Paco López, en rolda de prensa, confirmou as baixas por lesión de Iza e Zaldúa; Ontiveros por sanción; "as xa consabidas de Juanmi e Alarcón, e a dúbida de Gonzalo Escalante por unhas molestias musculares. A favor recuperamos a Rubén Alcaraz".

O técnico gaditano manifestou a súa satisfacción por levar "3 partidos sen perder, 2 porterías a cero", aínda que apunta que "sigo sendo máis optimista co xogo que co resultado final. Este equipo está a facer moitas máis cousas con balón das que facía. Sen balón fáltanos un puntiño", pensa.

Pide "ser moi consistentes no noso campo e mañá temos un rival que cambiou de adestrador pero mantén uns acenos de identidade moi claras, que vai relacionada cos xogadores a nivel individual. Ten futbolistas por fóra moi bos, moi rápidos no un contra un, moi desequilibrantes. E ten a figura que todos coñecedes, Lucas Pérez, que segue marcando diferenzas".

Finalizado o encontro, o Dépor pasa a noite en Sevilla e regresará á primeira hora do domingo 1 de decembro directo a adestrar a Abegondo para unha sesión que ten previsto arrincar ás 10:30.