O deportivismo arroupa a Pedro Mosquera e a Juanfran en Marineda City
Deportivistas de todas as idades arrouparon esta tarde na DéporTienda de Marineda City ao coruñés Pedro Mosquera e ao lateral madrileño Juanfran Moreno.
O motivo, a entrega de premios do centro comercial aos seus clientes e afeccionados ao Dépor. E para iso nada mellor que dous dos xogadores máis representativos do cadro para este sinxelo e cariñoso acto.
Con puntualidade británica, os gañadores, que xa gozaron esta fin de semana do partido do Deportivo no estadio ABANCA-RIAZOR, recolleron os seus premios de mans dos capitáns branquiazuis: unha bufanda, unha camiseta e un balón foron algúns dos seus premios.
Após a entrega de galardóns, ambos os xogadores atenderon aos restantes afeccionados que fixeron cola desde as 19:00 horas diante da DéporTienda (corredor de deportes de Marineda City da planta 1) para levar de recordo un autógrafo, unha postal e unha fotografía con dous dos seus ídolos. E o que é máis importante, unha frase cariñosa e unha convicción de boca dos seus futbolistas de que o Dépor sairá adiante.