Miles de Deportivistas pasaron esta tarde pola capela ardente de Arsenio Iglesias, instalada no túnel de vestiarios do Estadio ABANCA-RIAZOR. Minutos despois das 21:30 chegaba o cortexo fúnebre, escoltado pola Policía Local da Coruña e entre canticos e aplausos en memoria e homenaxe á lenda Deportivista.
Após uns primeiros minutos para a familia e o actual consello de administración, corpo técnico e futbolistas do Dépor, Dépor ABANCA ou os veteranos do Club, a capela ardente abriuse ao público para un incesante paso de Deportivistas durante as dúas horas que permaneceu aberta. Desde os expresidentes Lendoiro, Fernández e Vidal a centenares de afeccionados de todas as idades.
Mañá sábado a capela ardente permanecerá aberta entre as 09:00 e a 12:00 horas cando o Deportivismo, convocado na porta 0 do Estadio, dará a súa última ovación ao mito camiño do seu Arteixo natal, onde descansará para sempre.