RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril empeza sumando no campo do subcampión (2-2)

O Fabril comezou a súa andaina na cuarta categoría do fútbol español sumando un empate nun dos campos máis complicados da liga, o Román Suárez Puerta, feudo do Real Avilés Industrial, subcampión do grupo 1 o pasado ano que perdeu a final do playoff de ascenso a Primera Federación fronte ao Recreativo Granada.

O filial branquiazul contou con dous reforzos de última hora, Jairo e Martín Ochoa, convocados por Imanol Idiakez para medirse ao CD Lugo onte sábado. Ao non saltar ao céspede do Anxo Carro, ambos puideron sumarse á convocatoria de Óscar Gilsanz, da que caeron os inicialmente convocados Pereira e Iñaki.

A primeira ocasión produciuse no minuto 5. Foi un canonazo de Espina desde a frontal que rexeitou Ríos axeonllado, co seu brazo esquerdo. O Fabril respondeu o minuto 10 cun centro-chute desviado de Diego Gómez após unha recuperación de Martín Ochoa preto da área rival. O dianteiro rioxano viu como no minuto 18 éralle anulado un gol por un dubidoso fóra de xogo.

O Real Avilés Industrial comezou a empuxar no minuto 20, cun disparo de Jorge desde a media lúa que capturou Ríos en dous tempos. Un minuto despois, Ríos desviou a córner nunha gran intervención un duro disparo, de novo, de Jorge após un recorte entrando na área. Nese saque de esquina chegou o 1-0. Alorda rematou co pé dereito dentro da área o balón botado por Espina desde a dereita do ataque asturiano.

O conxunto avilesino puido ampliar distancias no minuto 37, nun contragolpe conducido por Alorda pola dereita que após varios rebotes en defensas e atacantes acabou rexeitando a zaga coruñesa. A resposta herculina chegou nun contragolpe inmediato, cun zurdazo raso de Thymos desde o bordo da área que atrapou Álvaro Fernández.

Alorda volveu chegar á área branquiazul no minuto 38 pero, con toda a vantaxe do mundo, preferiu disparar a porta con escaso ángulo e enviou o coiro ás nubes.

Pouco antes do descanso chegou o empate. Diego Gómez desbordou ao seu marcador no extremo esquerdo, lanzou por dentro en profundidade para Jairo e o '10' bateu a Álvaro Fernández cun potente zurdazo cruzado. O Fabril estivo a piques de irse ao descanso en vantaxe, pero Álvaro Fernández sacou a córner un canonazo de Brais Val desde a frontal. O saque de esquina non se botou porque xa se cumpriran os tres minutos de tempo engadido.

Ao regreso dos vestiarios, Óscar Gilsanz introduciu a Mati Castillo por Thymos e Diego Gómez cambiou de banda, pasando do extremo esquerdo ao dereito. Non puido saír mellor a xogada, porque antes de que se cumprisen os 60 segundos da continuación, Mati Castillo remachou a porta baleira no segundo pau un pase raso de Álvaro Santamaría desde a dereita, poñendo en vantaxe ao filial deportivista.

No minuto 54 puido cambiar o guion do encontro, xa que o porteiro local tocou o balón coa man fóra da área cando saíu a tapar unha vaselina de Martín Ochoa. Cando parecía que o árbitro ía pitar falta e expulsar ao gardameta, rectificou e sinalou saque de porta.

Á hora de xogo, Iano Simão protagonizou unha carreira de máis de 50 metros, deixando a varios rivais ao seu paso. O lateral esquerdo cedeu cara ao interior para Martín Ochoa, que após recortar a Jesús del Amo disparou coa esquerda a mans de Álvaro Fernández.

O Real Avilés Industrial puido empatar rápido, no minuto 64, nunha cabezada picada de Claudio Medina que sacou a córner Ríos. Cinco minutos despois chegou un discutible penalti sobre Davo Fernández, xa que si houbo falta sería fóra da área, que transformou Natalio enganando a Ríos para establecer o 2-2 definitivo.

O dominio local no tramo final contrarrestouno o Fabril con veloces saídas á contra. Kevin Sánchez protagonizou varias que non concretou. A pesar do seu dominio territorial e de posesión, o máis preto que estivo o Real Avilés Industrial de quedar cos tres puntos foi mediante un dereitazo de Espina desde 25 metros que se foi lambendo o traveseiro, no minuto 78.

Outro contragolpe dirixido por Kevin Sánchez, no minuto 83, acabou cun balón ao segundo pau, onde Nájera baixouno co peito e bateu coa zurda á esquerda do portal avilesino. Pouco despois, Kevin Sánchez conduciu un tres contra dous, abriu á esquerda para Nájera e o zurdazo do rioxano foise excesivamente cruzado.

A pesar dos cinco minutos de tempo engadido decretados polo árbitro, non se produciu ningunha ocasión clara máis e o encontro concluíu co 2-2.

Real Avilés Industrial: Álvaro Fernández, Trabanco (Néstor Senra, min. 71), Julio, Jesús del Amo, Iván Serrano, Jorge, Edu Cortina (Claudio, min. 42), Natalio (Miguel Sierra, min. 79), Davo Fernández, Espina e Alorda (Isma Cereo, min. 71).

RC Deportivo Fabril: Ríos, Santamaría, Puerto, Marotías, Iano Simão, Brais Val, Rubén López (Nájera, min. 71), Thymos (Mati Castillo, min. 46), Jairo (Barba, min. 61), Diego Gómez e Martín Ochoa (Kevin, min. 61).

Goles: 1-0 Alorda (min. 22); 1-1 Jairo (min. 43); 1-2 Mati Castillo (min. 46); 2-2 Natalio, de penalti (min. 69).

Árbitro: Alberto Aranda Bujedo (c. cántabro). Cartón amarelo a Julio (min. 13), Trabanco (min. 39), Diego Gómez (min. 55) e Brais Val (min. 90+1).

Incidencias: partido da 1ª xornada do grupo 1 de Segunda Federación disputado no estadio Román Suárez Puerta.