RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril insiste en entrar ben ao partido mañá sábado na súa visita ao pechacancelas Arandina CF

O Fabril visita mañá sábado 3 de febreiro ás 17:00 á Arandina CF no Estadio El Montecillo en partido correspondente á 21ª xornada en Segunda Federación.

O filial chega ao choque após a sensación agridoce do empate do pasado domingo (2-2) en Abegondo ante o Marino de Luanco, que o deixa na 13ª posición con 23 puntos, igualado en puntuación co cadro asturiano.

Os últimos días do mercado de inverno deixaron a subida definitiva de Iano Simão e Mella ao primeiro equipo; e a chegada de Álvaro Baladía 'Bala' ao carril zurdo do filial.

Hai unhas semanas xa reforzaran ao equipo de Óscar Gilsanz Álex Alfaro e o dianteiro Jorge Martínez-Losa; Quique Teijo e Álvaro Santamaría marcháronse cedidos; e Iñaki saíu do Club.

Álvaro Baladía 'Bala' estréase na expedición: "Optouse por fichar a un futbolista que estamos a ver, que estamos a coñecer. Trataremos de traballar como no seu día fixemos con Iano, ver o rendemento que somos capaces de sacar; e que ese rendemento lles faga aumentar o seu valor sobre todo de cara a poder ser futbolistas importantes para o club".

É baixa para o partido Diego Gómez, lesionado; ademais de Rubén López e Martín Ochoa, en dinámica do primeiro equipo.

Kevin Sánchez e Mardones (na foto da noticia) son os xuvenís que entraron na convocatoria.

Na primeira volta en Abegondo o triunfo foi do Fabril (3-2) nun partido cheo de alternativas no marcador que resolveu Jairo no minuto 86. "Recordo aquí que a Arandina CF púxosenos 1-2, foinos moi complicado remontar o partido, fixémolo nos últimos 10 minutos", apuntou Óscar Gilsanz en rolda de prensa.

Pola súa banda, o conxunto burgalés, que ven de perder (2-0) en Ourense, é pechacancelas da táboa con 12 puntos. O preparador fabrilista mentaliza aos seus futbolistas de "a importancia de primeiro entrar ben ao partido, sabendo que é moi complicado o rival e que o máis importante é ser competitivos".

No Montecillo esta temporada, a Arandina CF gañou ao CD Covadonga (2-1); empatou co Ourense CF (0-0), CD Cayón (1-1), Real Oviedo Vetusta (1-1), Raio Cantabria (1-1), Zamora CF (0-0) e SD Compostela (0-0); e perdeu co Racing Villabés (0-1), Real Valladolid Promesas (1-2) e Coruxo FC (0-1).

Os burgaleses reforzáronse nos últimos días co mediocentro Nico Arce, procedente do CD Covadonga; e a Arandina CF, a través das súas redes sociais, subliña que "xogamos contra o Súper Dépor. Unha das mellores canteiras do panorama actual".