O Fabril persegue a súa terceira vitoria consecutiva en Segunda Federación mañá domingo 3 de novembro ás 12:00 (Youtube RC Deportivo) ante o CD Guijuelo, en partido correspondente á 10ª xornada.
Os triunfos ante o UM Escobedo (4-0) e Rayo Cantabria (1-2) situaron ao filial na 8ª posición con 13 puntos. "Dúas vitorias posiciónanche mirando cara aos postos de arriba, pero dúas derrotas posiciónanche mirando cara abaixo", reflexionou ante os medios de comunicación David Lagar, segundo adestrador e encargado de dirixir ao equipo en substitución de Óscar Gilsanz, en Cartagena con primeiro equipo.
Asegura que a semana de adestramentos foi "unha máis porque somos un corpo técnico que leva xa 4 anos traballando xunto. Eu con Óscar Gilsanz levo traballando 5 anos, por tanto non cambiou nada esta semana. Seguimos centrándonos no rival como nos centramos, seguimos preparando cada día do adestro como o faciamos, a análise da mesma maneira; e por tanto total normalidade".
O técnico fabrilista subliña que percibe "total confianza cara a min de maneira específica, pero tamén cara ao resto do corpo técnico".
Para o encontro ante os salmantinos son baixa por lesión Álex Pereira, Mardones e Quique Teijo; pero regresa Kevin Sánchez, superada a súa lesión muscular.
Os xuvenís Pablo Garcia, Noé, Adrián Guerrero, titulares a pasada fin de semana en Astillero ante o Rayo Cantabria, ademais de Samuel, que mesmo se adestrou co primeiro equipo esta semana, completan a convocatoria.
Pola súa banda, o CD Guijuelo, que a fin de semana pasada caeu co Pontevedra CF (0-1), fichou esta semana a Rubén Gala como novo adestrador.
Os salmantinos marchan na 17ª posición con 6 puntos.
O novo adestrador quere reverter a mala clasificación con "moito traballo, moita implicación, sobre todo convencendo aos xogadores que queda moita tempada e moito camiño por percorrer; e estamos a tempo de todo".
Subliña que en Abegondo "imos tentar gañar o partido e a partir de aí iremos semana a semana ata onde cheguemos".
Lonxe do seu campo esta tempada, o CD Guijuelo empatou co UD Llanera (1-1) e CD Laredo (3-3); e perdeu co Real Ávila CF (1-0) e SD Compostela (1-0).
O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.
Poden retirar entradas dispoñibles, ata esgotar aforo e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforo nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.