RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril prepárase mañá en Pasarón para "ser solidarios" ante un Pontevedra CF que "é un dos equipos que máis esixe sen balón"

O Fabril visita mañá domingo 22 de setembro ás 17:00 ao Pontevedra CF en partido correspondente á 4ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

Os branquiazuis chegan ao choque despois de completar un gran partido ante a SD Compostela o pasado sábado en ABANCA-RIAZOR pero conscientes de que en Pasarón hai que "ser capaces de traballar, de ser moi solidarios, porque o rival o esixe. É un dos equipos que máis che esixe sen balón".

Despois de 3 xornadas, os pupilos de Óscar Gilsanz son cuartos na táboa do grupo 1º de Segunda Federación con 6 puntos.

Son baixa por lesión Álex Pereira, Fabián e Manu Ferreiro.

O xuvenís Guerrero, Noé e Pablo García completan a convocatoria feita pública despois da última sesión de hoxe.

Pola súa banda, o Pontevedra CF, que a pasada fin de semana caeu (2-0) en casa doutro dos favoritos, o CD Numancia de Soria, é 10º con 4 puntos.

No seu campo, no único partido disputado até a data, os granates gañaron ao Real Valladolid Promesas (1-0). 

O conxunto granate disputou esta semana un amigable no Toralín ante a SD Ponferradina en homenaxe a Yuri. O resultado, o de menos nestas citas, caeu ao lado berciano (4-3).

Óscar Gilsanz advirte que "vin en directo os dous primeiros partidos do Pontevedra CF en Pasaron e no Estadio Vero Boquete e até o minuto 70 mostrouse irresistible tanto no primeiro partido en canto a dar moi poquitas opcións ao rival, con moitas ocasións de gol; como no segundo contra o Compos, onde durante 70 minutos tamén foi un dominio irresistible, xerando moitísimas ocasións de gol. Si é certo que se lle escapan eses puntos no final e vai aos Pajaritos a xogar un partido de poder a poder".

Yago Iglesias, adestrador pontevedrés, asegurou en rolda de prensa onte venres que o seu equipo "está centrado no que toca esta semana, unha nova oportunidade para sumar de 3 sobre todo en casa, despois de dúas saídas complicadas. Tiñamos claro desde que saíu o calendario que o inicio era complexo".

Do Fabril, apunta que "é un filial de fútbol profesional, con acceso a xogadores de moito talento e de moito nivel. Se lle foron moitos xogadores da temporada pasada pero incorporaron outros con outras características"; e definiu ao cadro branquiazul como un equipo "ben organizado, intenso e o perfil de xogadores que asinaron este ano dalle outras características".