RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril retoma a liga este sábado en Abegondo ante un UD Llanera que "non nos vai a regalar nada"

Despois do partido ante o Bergantiños CF aprazado o pasado domingo polo temporal e que se xogará o vindeiro mércores 18 de decembro ás 20:00 horas, o Fabril regresa á competición mañá sábado 30 de novembro ás 16:30 (YouTube RC Deportivo) ante o UD Llanera, en partido correspondente á 14ª xornada en Segunda Federación.

A falta de contabilizar ese encontro nas Eiroas, o filial é 8º na táboa con 19 puntos.

En rolda de prensa, Manuel Pablo confirma as baixas por lesión de Noé, Quique Teijo e Mardones, aínda que "este está a volver xa co grupo".

Así mesmo, Luisao segue sendo baixa por sanción após a súa expulsión ante o Coruxo FC, do mesmo xeito que Alfaro, co primeiro equipo en Cádiz.

Asegura que Kevin Sánchez "está ben. A pasada semana estivo aí con algunha molestia pero podería xogar a fin de semana".

A pesar de que o conxunto asturiano, que a pasada fin de semana igualou (0-0) no seu campo ante o Pontevedra CF, é 14º con 11 puntos, Manuel Pablo non quere confianzas porque "os números, que non son bos, non significan que nos vaian a regalar nada".

Fóra do seu campo esta campaña o UD Llanera aínda non coñece a vitoria, posto que empatou co Bergantiños CF (2-2) e CD Laredo (0-0); e caeu co Rayo Cantabria (2-0), Real Avilés Industrial (1-0), Real Ávila CF (2-0) e SD Compostela (1-0).

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar as localidades e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición da bancada nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.