Despois do partido ante o Bergantiños CF aprazado o pasado domingo polo temporal e que se xogará o vindeiro mércores 18 de decembro ás 20:00 horas, o Fabril retomou a competición cun traballado triunfo por 2-1 ante a UD Llanera.
O protagonista foi o atacante xuvenil Adrián Guerrero, autor dos dous tantos fabrilistas, o segundo deles de penalti a falta de 10 minutos para o final.
A falta de contabilizar ese encontro nas Eiroas, o filial, con este resultado, suma 22 puntos na zona media-alta da clasificación.
O filial contou coas baixas de Noé, Quique Teijo e Mardones, por lesión; Luisao por sanción após a súa expulsión ante o Coruxo FC; e Alfaro, co primeiro equipo en Cádiz.
Foi titular Kevin Sánchez, superadas xa as súas molestias musculares que arrastrou a pasada semana.
Adiantouse pronto o Fabril. Gran pase entre liñas de Fabián e Guerrero supera con mestría a Berto Hórreo.
O conxunto de Manuel Pablo acertou na súa primeira gran oportunidade ante a UD Llanera.
Pouco despois Kevin tivo nas súas botas o segundo, aínda que o internacional deportivista non tivo acerto final.
Os asturianos aos poucos estiraron liñas en busca do empate. E lográrono aos 26 minutos. Nun centro ao segundo pau Íker Vidal, no seu afán por despexar, introduce a pelota na portería de Alberto.
Respondeu o Fabril sobre todo creando perigo con Darío Germil, Fabián e Guerrero, como un remate do primeiro ao poste da meta da UD Llanera.
O último tramo da primeira metade foi para o equipo visitante, que mesmo chegou a xutar ao traveseiro da meta fabrilista.
Após o paso polos vestiarios, o Fabril saíu disposto a lograr o segundo gol.
Até catro oportunidades acumularon os de Manuel Pablo nos primeiros 15 minutos, como un centro de Íker Vidal ao traveseiro.
Os branquiazuis seguiron gozando de ocasións ata que no minuto 78, Bil é derrubado na área nun balón dividido. O colexiado castelán leonés non o dubidou e sinalou a pena máxima que transformou Guerrero no gol do triunfo, segundo na súa conta particular.
Os últimos minutos foron de sufrimento para o Fabril posto que Garrido, que entrou en substitución de Carreira, foi expulsado de maneira moi rigorosa ao recibir a súa segunda amoestación por agarrar a un rival no centro do campo.
No entanto, os fabrilistas souberon arrefriar o encontro con posesións afastadas á área de Alberto, co que os 3 puntos quedaron en Abegondo.
A próxima fin de semana, a Fabril visita ao Salamanca CF UDS no Helmántico.
Fabril: Alberto, Pablo García (Damián Canedo, min. 82), Aarón Sánchez, Marotías, Íker Vidal, Kike Fernández, Carreira (Garrido, min. 63), Guerrero, Fabián (Hugo Villaverde, min. 82), Kevin Sánchez (Álex Pereira, min. 89) e Darío Germil (Nsongo Bil, min. 63)
UD Llanera: Berto Hórreo, Matheus (Dominique M., min. 64), Álvaro, Paul Otia, Mateo, Meaurio (Álex, min. 64), Rene, Vity, Steven, Leyder e Mathieu (Cristian, min. 81)
Árbitro: David García Presa, do comité castelán-leonés. Amoestou a Carreira (min. 38), Dominique M. (min. 67), Garrido (min. 68 e min. 84), Álvaro (min. 76), Álex (min. 77), Paul Otia (min. 78) e Aarón (min. 89)
Goles: 1-0 Guerrero (min. 4); 1-1 Íker Vidal, en propia meta; 2-1 Guerrero, de penalti (min. 80)
Incidencias: partido correspondente á 14ª xornada en Segunda Federación disputado no campo principal de Abegondo