RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril vén sen puntuar inxustamente de Soria a pesar do seu "moi bo partido"

Os caprichos do calendario do grupo 1º de Segunda Federación levaron ao Fabril a visitar de forma consecutiva os estadios dos dous grandes aspirantes ao título e, por conseguinte, ao ascenso a Primera Federación: Pasarón o pasado domingo e Los Pajaritos de Soria esta mesma tarde (1-0).

"O calendario é o que é", reflexionou Óscar Gilsanz na sala de prensa o pasado xoves. "Para a formación e para adquirir experiencias aos mozos é un bo escenario", engade.

Do mesmo xeito que advertira na rolda de prensa previa ao Pontevedra CF, neste caso o Numancia de Soria tamén "nos vai a esixir moito, moita concentración, moito traballo defensivo, defender moito e atacar ben. E trataremos de facelo".

E vaia si o fixeron, aínda que sen premio. Até tal punto foi o dominio do filial que, no pospartido, o preparador fabrilista cualifica de "moi bo partido" o protagonizado polos seus ante o líder da categoría.

Saíu moi ben ao céspede o Fabril, superando ao seu rival, que chegaba ao partido como líder da categoría. 

De feito, aos 2 minutos Darío Germil xa tivo a primeira opción de marcar. Até 4 chegadas con perigo acumulou o Fabril no primeiro cuarto de hora de xogo, con Kevin Sánchez e Darío como principais protagonistas.

Pero se algo ten o Numancia é pegada. Nun centro lateral mal defendido, Jony fixo o que sería o gol do partido.

A pesar do mazazo, os fabrilistas responderon cun disparo ao poste de Kevin (min. 25) e dúas ocasións claras de Noé, un xuvenil asentado no once inicial xunto a Guerrero.

Para o preparador deportivista a clave do partido estivo precisamente en "as ocasións erradas pola nosa banda e o acerto do Numancia nunha das poucas que tivo".

Na segunda parte o Fabril fíxose coa posesión do balón. 

No entanto, admitiu Óscar Gilsanz que nestes segundos 45 minutos o equipo tivo "menos situacións de gol, menos profundidade".

O CD Numancia optou por replegar liñas e protexer ao seu porteiro Kudakovskiy con 3 medioscentros coa entrada de Rementería por Seguín.

O técnico do filial moveu o banco con Íker Vidal e Fabián, que regresaba ao equipo superada a súa lesión.

Pero a pesar dos 8 minutos de desconto a consecuencia de que o xogo estivo detido para atender a un espectador na bancada, o marcador xa non se movería.

Con este resultado, o Fabril queda con 6 puntos na 11ª posición da clasificación.

O vindeiro sábado 5 de outubro ás 16:00 (YouTube RC Deportivo) o filial recibe en Abegondo ao UP Langreo.

CD Numancia: Kudakovskiy, Grande, Bonilla, De Frutos, Diego Royo, Moustapha, Sanchidrian (Teijeira, min. 80), Jony (Góngora, min. 58), David Sanz (Alain Ribeiro, min. 58), Seguín (Rementería, min. 46) e C. Dieste 

Fabril: Alberto, Quique Teijo, Aarón, Marotías, Damián Canedo (Íker Vidal, min. 65), Jaime Garrido (Fabián, min. 65), Alfaro, Noé (Nsongo Bil, min. 81), Guerrero, Kevin Sánchez e Darío Germil (Quique Fernández, min. 81)

Árbitro: Sergio Fontecha Vázquez, do comité vasco. Amoestou a Jaime Garrido (min. 16), Bonilla (min. 40), Marotías (min. 75) e Grande (min. 90).

Gol: 1-0 Jony (min. 19)

Incidencias: Partido correspondente á 5ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado en Los Pajaritos