RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Novo reto do Fabril este domingo en casa doutro dos grandes aspirantes, o CD Numancia

Os caprichos do calendario do grupo 1º de Segunda Federación levaron ao Fabril a visitar de forma consecutiva os estadios dos dous grandes aspirantes ao título e, por conseguinte, ao ascenso a Primera Federación: Pasarón o pasado domingo e a continuación Os Pajaritos de Soria mañá domingo 29 de setembro ás 17:00 horas.

"O calendario é o que é", reflexionou Óscar Gilsanz na sala de prensa o pasado xoves. "Para a formación e para adquirir experiencias aos mozos é un bo escenario", engade.

Do mesmo xeito que advertira na rolda de prensa previa ao Pontevedra CF, neste caso o Numancia de Soria tamén "nos vai a esixir moito, moita concentración, moito traballo defensivo, defender moito e atacar ben. E trataremos de facelo".

Coa derrota no minuto 97 a pasada fin de semana en Pasarón, o filial é 8º na táboa clasificatoria con 6 puntos.

O técnico fabrilista asegura que en Pontevedra "o equipo viu que foi capaz de facer un bo partido, de competir nun campo e contra rival moi esixente. E parte do noso camiño e parte do noso proceso é ir mellorando, é ser cada día mellores. E nese aspecto os xogadores han visto que son capaces de competir".

O filial recupera a Fabián, pero perde por lesión a Álex Pereira, Manu Ferreiro e Luisao. Tamén ten problemas nun nocello Pablo García que lle impediron adestrar con normalidade, tal e como indicou Óscar Gilsanz.

Noé e Guerrero (na foto da noticia) son os dous xuvenís que completan a lista.

Pola súa banda, o CD Numancia de Soria é líder do grupo con 10 puntos, a pesar do empate da pasada fin de semana (1-1) nas Eiroas ante o Bergantiños CF.

No seu campo dos Pajaritos esta temporada o equipo numantino gañou os seus dous partidos xogados e ante equipos galegos: á SD Compostela (2-0) e ao Pontevedra CF (2-0).

O adestrador fabrilista, que viu en directo o partido en Carballo, explicou que o cadro bergantiñán "fixo un moi bo partido. Iso dá unha pouco idea de que os equipos de arriba, os que van estar pelexando polo ascenso, teñen partidos onde hai moita igualdade, onde lles custa gañar e sumar. E o outro día foi un partido así. A primeira parte o Bergan estivo moi ben e o Numancia foi capaz na segunda parte de xerar situacións de perigo co marcador en contra, de facer variacións en canto á estrutura de xogo..."

A conclusión que extrae é a de que o Fabril se vai a medir "a un equipo que se vai a adaptar a xogar co marcador a favor, co marcador en contra, que se vai a adaptar a facer un xogo máis elaborado ou un xogo menos elaborado e máis directo; con moi bos xogadores para o xogo directo, para recoller segundos balóns e atacar a área con moita xente, con moitos centros laterais. É un equipo moi completo", conclúe.

Aitor Calle, adestrador numantino, confirma as baixas de Elosegui, Cristian Delgado e Dani Fernández por lesión. 

Do Fabril, espera "xogadores novos, tecnicamente con calidade. É un equipo que se está a gusto e cómodo no campo son capaces de facelo moi ben porque teñen calidade".

Cre que o retorno do Dépor "ao fútbol profesional fai que o filial teña mellores xogadores e ese puntiño máis de ganas de facer as cousas ben".