RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
TERESA HERRERA

O RC Deportivo anima a gozar de todos os partidos e homenaxes previstas no Teresa Herrera máis especial dos últimos anos

O RC Deportivo anima á afección deportivista a acudir mañá sábado ao Estadio ABANCA-RIAZOR para gozar da XI edición do Trofeo Teresa Herrera Feminino entre o Deportivo ABANCA e o Deportivo Alavés Gloriosas (17.00 h.) e da LXXVIII edición do Trofeo Teresa Herrera entre o RC Deportivo e o Red Bull Bragantino de Brasil (19.30 h.). 

No caso das persoas que só previsen asistir ao segundo partido, o Club aconsella estar no estadio desde as 19.00 h., xa que os actos de homenaxe comezarán varios minutos antes do inicio do encontro.

Así, na antesala do Deportivo-Red Bull Bragantino haberá un recordo e minuto de silencio polo recente falecemento de Luis Suárez, lenda do deportivismo e único Balón de Ouro masculino de España. Ademais, será tamén minutos antes do inicio deste partido cando terá lugar a homenaxe de #ANOSAFORZA a Mauro Silva e Bebeto como únicos xogadores da historia do Dépor proclamados campións do mundo mentres vestían a camiseta branquiazul. Ambos recibirán a insignia de ouro e brilantes do Club de mans do seu presidente, Álvaro García Diéguez.

O encontro será especial tamén pola despedida dos terreos de xogo do capitán Álex Bergantiños, que saltará por última vez ao terreo de xogo coa camiseta do Dépor após incorporarse ao Consello de Administración do Club. Ademais, Bergantiños será protagonista cunha homenaxe á súa figura e traxectoria durante o descanso do partido.

Ambos os partidos serán retransmitidos en directo pola canle de Youtube do RC Deportivo na #DéporXiraAugadeParada, grazas ao patrocinio de Auga de Parada.

Antes dos eventos deportivos, pola mañá o presidente do RC Deportivo e o seu Consello de Administración en pleno asistirán en representación do Club á Recepción Oficial do Teresa Herrera no Concello da Coruña.