RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

O RC Deportivo homenaxea a unha das súas grandes lendas vivas: Dagoberto Moll #LendasBranquiazuis

  O RC Deportivo homenaxeou hoxe, no descanso do Deportivo-Barcelona a unha das súas grandes lendas vivas: Dagoberto Moll, xogador deportivista durante gran parte dos añvos 50 do século pasado, adestrador durante un breve esp

Dagoberto Moll Sequeira nace o 22 de xullo de 1927 en Montevideo (Uruguai) e aterra na Coruña durante o verán de 1949, da man do adestrador arxentino Alejandro Scopelli, despois de destacar coa selección do seu país na Copa América daquel ano. Aínda que empeza o torneo continental como suplente, finalízao como titular e anotando dous goles. Firma co Deportivo por cinco tempadas.

Moll é un ‘10' que sobresae desde o primeiro momento en que se cingue a elástica branquiazul. Un xogador portentoso fisicamente, de gran traballo durante os 90 minutos e amplo radio de acción, á vez que posuidor dun nivel que técnico que lle fai capaz de regalar goles feitos aos seus compañeiros e de ver porta con certa facilidade. O interior esquerdo uruguaio milita durante seis tempadas no Deportivo, co que disputa 158 partidos (121 en Primeira, 24 en Segunda, 9 de Promoción e 4 de Copa) para un total de 38 goles (33 en Primeira, 2 en Segunda e 3 en Promoción).
 
Na súa primeira tempada é o faro da dianteira que conduce ao Deportivo ao seu primeiro gran éxito, o subcampeonato de Primeira División en 1950. Un equipo que menos de dous anos antes milita en Segunda División, alcanza a última xornada ligueira con opcións de conquistar a coroa do fútbol español. Aquel día, o Deportivo é campión durante cinco minutos, os que median entre o gol que adianta á Valencia ante o Atlético de Madrid, obra de Igoa (min. 5) e o tanto co que Ben Barek iguala para o conxunto colchoneiro (min. 9), mentres os coruñeses xa vencen en San Mamés cunha diana de Rafael Franco (min. 2). Moll xoga todos os minutos daquela histórica tempada, formando unha dianteira inesquecible: Marquínez, Dieste ou Juanete, Rafael Franco, Moll e Tino.
 
A segunda campaña de Moll na Coruña tamén será lembrada eternamente. Neste caso non polos resultados, pero si pola calidade dunha dianteira que mete catro ou máis goles na metade dos seus partidos como local, incluído un 5-0 ao Real Madrid e a maior goleada xamais lograda polo Deportivo nun partido oficial: 10-1 ao Lleida. Son Corcuera, Oswaldo, Rafael Franco, Moll e Tino. A ‘Orquestra Canaro', como os bautiza o xornalista Manuel Ponche Patiño, en honra á popular banda musical. ¿Por que? Porque aqueles xogadores non desafinan nunca.
 
Aquel curso, con todo, o Deportivo non é quen de lograr a permanencia matemática ata a última xornada. Do mesmo xeito que no seguinte, o 1951-1952. Na Tempada 1952-1953, Moll é un dos poucos deportivistas que ten o privilexio de ser adestrado por Helenio Herrera. Da man do ‘Mago', o Deportivo logra a salvación tras unha memorable vitoria en Balaídos (1-3), no último partido da liguiña de promoción.
 
O seguinte curso é máis plácido. O Dépor móvese en metade da táboa durante todo o exercicio e vive unhas xornadas finais tranquilas. Ata que en marzo confírmase que Moll é traspasado ao Barcelona por 250.000 pesetas, cifra marca para o club coruñés. Moll simula que é retido polo Deportivo para que o Club poida cobrar un diñeiro polo seu traspaso, cando realmente quedaba libre ao finalizar contrato. Xunto ao uruguaio pon rumbo á Cidade Condal o mozo Luís Suárez, por 50.000 pesetas máis. 
 
Moll xoga dúas tempadas en Can Barça (unha delas no filial, o España Industrial), outra entre o Condal (co que xoga a liga) e o Espanyol (co que disputa a Copa, na que chega á final, que perde ante o Barcelona) e unha máis no Celta de Vigo.
 
Regresa a Riazor en 1958, para axudar ao Deportivo a volver a unha Primeira División da que cae o ano anterior despois de case unha década consecutiva na elite. Non o consegue e volve emigrar, para militar unha campaña no Elxe e dous no Albacete onde, aos 34 anos, dá os seus primeiros pasos como adestrador.
 
Compostela, Atlético Baleares, Hospitalet e Xirona contan coa súa sabedoría para dirixir aos seus primeiros cadros de persoal. No tramo final da Tempada 1966-1967, Moll recibe a chamada do Deportivo para facerse cargo do equipo, tras a destitución de Enrique Orizaola. Os branquiazuis son pechacancelas de Primeira a once xornadas do final. O tres vitorias que logra o equipo co uruguaio no banco non son suficientes e consúmase o descenso. Na Copa, o Deportivo elimina ao Lleida, antes de dar a badalada ante o Real Madrid: 3-2 en Riazor, no choque de ida dos oitavos de final. No Bernabéu, o Dépor resiste ata que Zoco logra o 3-1 definitivo no minuto 81. Moll senta no banco deportivista en 16 partidos, 11 en Primeira e 5 en Copa.
 
A súa carreira nos bancos continúa na Ximnástica de Torrelavega, antes dun paso por México (Atlante en dúas épocas e Atlético Español), Tenerife e Levante. Moll regresa a terras aztecas para dirixir de novo ao Atlético Español en dúas épocas e, entre medias, outra vez ao Atlante, para finalizar o seu periplo centroamericano no Tampico, en 1981. Na campaña 1985-1986 dirixe de novo ao Compostela. É a última vez que senta nun banco.
 
Con todo, a relación de Moll co Deportivo e A Coruña vai moito máis alá. Casado cunha coruñesa e afincado na nosa cidade, o seu fillo maior, tamén chamado Dagoberto, foi porteiro do equipo deportivista de hockey sobre patíns entre 1975 e 1979, e un dos seus netos, Pablo Cancela, formado en Santa María del Mar, Dominicos e Liceo, é internacional absoluto con España nese mesmo deporte e actual campión de Italia co Forte dei Marmi. Aínda hoxe, aos seus case 90 anos, é posible velo no ximnasio de La Solana facendo pesas ou trotando sobre a cinta.