O Deportivo conquistou o LXXVIII Trofeo Teresa Herrera, levantando o decano do fútbol mundial no que a trofeos amigables refírese por 25ª vez, após derrotar ao Red Bull Bragantino brasileiro con claridade.
Desde que en 1990 comezase a participar anualmente no trofeo, o Dépor venceuno en 21 das 33 edicións celebradas.
A primeira ocasión do partido estivo nas botas de Davo, que no minuto 7 disparou ao pau despois dun slálom e un golpeo picado por encima de Gustavo Reis. Ao cuarto de hora, dobre ocasión de Barbero e Lucas, cuxo disparo de socato repeleu Gustavo Reis.
No minuto 21 produciuse a emotiva despedida de Álex Bergantiños, noveno xogador con máis partidos na historia do Club (336) que acaba de colgar as botas. Os xogadores de ambos os equipos fixeron un corredor entre o que saíu Álex, vestido coa camiseta #ADÉAmérica que lle levaron os seus fillos ao centro do campo por expreso desexo do xogador, para abandonar o campo vestido coas cores da súa vida, o branco e o azul.
Con claro dominio deportivista pero sen oportunidades de gol reseñables, chegou o primeiro tanto, obra de Barbero. O novo dianteiro deportivista cabeceou ao fondo das mallas desde o punto de penalti un centro de Paris Adot após unha gran triangulación na frontal entre Yeremay, o propio Barbero e Lucas.
Tralo descanso, Imanol Idiakez, o novo adestrador deportivista, realizou un só cambio, na portería con Mackay en lugar de Germán.
No minuto 52, unha volea de socato de Jose Ángel após un saque de esquina rexeitouno milagrosamente Fernando Costa. Catro minutos despois, unha rápida transición conducida por Davo atopou en profundidade a Yeremay, cuxo disparo sacou a córner o porteiro brasileiro nunha intervención máis de balonmán.
Davo foi o protagonista no minuto 59, cando fixo o segundo tanto ao aproveitar a indecisión dos centrais e o porteiro para levar o coiro ao fondo das mallas. O 3-0 non tardou en chegar. Só catro minutos despois, Barbero definiu con mestría un man a man con Fernando Costa após un desmarque en busca dun magnífico pase en profundidade de Víctor Narro.
O marcador pechouno Jose Ángel, ao transformar con tranquilidade un penalti cometido sobre Kevin no minuto 79.
A mellor oportunidade brasileira produciuse no minuto 82. Mackay interveu providencialmente para desviar a córner unha cabezada de Chumbinho.
Nos minutos finais, Kuki Zalazar e Kevin tiveron a oportunidade de aumentar o resultado, pero topáronse co bo facer do gardameta brasileiro.
RC Deportivo: Germán (Mackay, min. 46), Paris Adot (Álvaro Santamaría, min. 72), Jaime (Somolinos, min. 72), Pablo Martínez (Barcia, min. 61), Balenziaga (Retu, min. 72), Diego Villares (Isi Gómez, min. 61), Álex Bergantiños (Jose Ángel, min. 21) (Brais Val, min. 83), Davo (Kevin, min. 72), Lucas (Zalazar, min. 72), Yeremay (Víctor Narro, min. 61) e Barbero (Ochoa, min. 72).
Red Bull Bragantino: Gustavo Reis (Fernando Costa, min. 46), Jhonny (Vinicius Lago, min. 80), Kauan Conceição, Gustavo Henrique (Kauan Martins, min. 80), Felipe Motta (Douglas, min. 46), Caetano (Riquelme, min. 80), Wesley (Chumbinho, min. 61), Vitinho (Diogo, min. 46) (Gabriel Moysés, min. 89), Marcelinho (Vinicius Pereira, min. 46), Yuri (Mineiro, min. 73) e Everton (Kauã Alves, min. 80).
Goles: 1-0 Barbero (min. 36); 2-0 Davo (min. 59); 3-0 Barbero (min. 63); 4-0 Jose Ángel, de penalti (min. 79).
Árbitro: Pastoriza Iglesias (c. galego). Cartón amarelo a Caetano (min. 78).
Incidencias: partido correspondente ao LXXVIII Trofeo Teresa Herrera disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 16.127 espectadores. Nos prolegómenos foron homenaxeados Mauro Silva e Bebeto, únicos futbolistas campións do mundo mentres pertencían ao Deportivo, que recibiron a insignia de ouro e brillantes do Club. Tamén se gardou un minuto de silencio por Luis Suárez Miramontes. Álex Bergantiños foi substituído após disputar os seus últimos minutos como xogador profesional, 21 como o número de temporadas que pertenceu á disciplina branquiazul desde a súa chegada en idade xuvenil.