RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSACANTEIRA

O Xuvenil A, arroupado por ANOSAFORZA, supera á UD Las Palmas e medirase en cuartos de final de Copa ao Real Mallorca

O Xuvenil A, arroupado por #ANOSAFORZA que abarrotou a bancada de Abegondo, venceu esta tarde (3-1) á UD Las Palmas nos oitavos de final da Copa del Rey, rolda a partido único.

O seu rival en cuartos de final, tamén a un partido, o próximo 14 de febreiro será lonxe de Abegondo o Real Mallorca, que eliminou hoxe ao Villarreal CF (1-2). "Cada eliminatoria será máis difícil. Isto é así. Todos os equipos están por méritos propios. Imos fóra de casa. Habemos ir a Bilbao e soubemos competir contra equipos bos. Será como hoxe", vaticinou Manuel Pablo na rolda de prensa post-partido.

Os branquiazuis chegaban ao choque desta tarde na Cidade Deportiva após apear en dezaseisavos de final ao Athletic Club (0-1) en Lezama cun gol de Dani Estévez aos 18 minutos.

Pola súa banda, a UD Las Palmas, líder destacado do grupo 6º da División de Honra con 16 de vantaxe sobre o 2º, o CD Tenerife, eliminou en primeira rolda á Valencia CF no Anexo ao Estadio Gran Canaria (2-1).

Os canarios saíron ao céspede do campo principal de Abegondo coas súas virtudes: alto ritmo e fútbol asociativo. Ao Dépor custáballe circular a pelota aínda que, iso si, defendeu ben a portería de Rodrigo.

O adestrador deportivista explicou que "quixemos apertar pero teñen moi bo nivel todos os xogadores e custounos".

O rumbo do encontro cambiou no ecuador desta primeira metade, cando chegaron os mellores minutos do Xuvenil A. "Entendemos ben as situacións aínda que tiveron un nivel moi alto na presión e custábanos. Aproveitamos as nosas situacións", engadiu o técnico do xuvenil branquiazul.

Nese tramo do partido, o colexiado do encontro anulou un gol legal a Kevin no minuto 25 por crer, a instancias do xuíz de liña, que o internacional deportivista estaba en fóra de xogo cando rematou á rede un rexeite da defensa a un chute de Manu Ferreiro.

Pouco despois, aos 28 minutos, Álex Delgado adiantou ao Dépor cun disparo afastado que, en colaboración cun defensa canario, coouse na rede da UD Las Palmas.

Os amarelos tentaron apertar en busca do igualada pero foi o conxunto de Manuel Pablo o que volvería golpear no minuto 44. Despois dun córner de Manu Ferreiro, o balón cae a Kevin que non perdoa na área pequena e sobe o 2-0 ao marcador.

Após o paso polo vestiario, a UD Las Palmas imprime unha marcha máis ao partido e vólvese a facer co dominio do xogo. Manuel Pablo indicou que "eles redobraron os esforzos. Sacaron xente para ese dominio e afundíronnos. Estivemos cansos".

Hugo, o seu dianteiro centro, recorta diferenzas (2-1) no minuto 53 após unha acción individual na área branquiazul.

Manuel Pablo opta por refrescar ao seu equipo e introduce varios cambios, que "nos reactivaron un pouco e déronnos un pouco de enerxía", sinalou.

Aos poucos o Xuvenil A sacódese o dominio canario e recupera o control ata que chega a acción do penalti no minuto 81 que transforma Guerrero no definitivo 3-1. 

Con ese gol, a UD Las Palmas baixou os brazos e os branquiazuis puideron aumentar a súa vantaxe por exemplo nun man a man de Guerrero co porteiro Israel, que logrou despexar. "Ao final podiamos sentenciar pero a diferenza estivo en que estivemos máis acertados nas situacións que tivemos", concluíu Manuel Pablo ante os medios de comunicación.

Xuvenil A: Rodrigo, Pablo, Hugo Torres, Vilela, Samuel, Carreira, Mardones, Dani Estévez, Kevin, Manu Ferreiro e Álex Delgado. Tamén xogaron: Noé, Guerrero, Héctor, Domínguez e Rubén.