RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSACANTEIRA

ONOSODERBI entre un Dépor ABANCA B con 6 baixas e o RC Celta, centra a atención mañá sábado en ANOSACANTEIRA feminina

#ONOSODERBI entre o Dépor ABANCA B e o RC Celta de mañá sábado ás 12:30 no campo principal de Abegondo é o partido estrela da fin de semana en ANOSACANTEIRA feminina.

As branquiazuis, que golearon a pasada fin de semana en León ao Olímpico (0-4), chegan ao choque como líderes da categoría con 1 punto de vantaxe sobre as leonesas e 3 sobre as celestes.

En rolda de prensa, Paula Novo afirmou que "desde o principio de temporada levamos unha boa dinámica, sacando os partidos, traballando de forma seria, sendo contundentes. Empezamos ben a temporada".

Óscar Orro ten até 6 baixas para o encontro entre lesións e convocatorias de seleccións. Así, non estarán as internacionais Elena Vázquez, Michi Apóstol e Dunia Dahmouni.

Así mesmo, son baixa por lesión Uxía López, Marta Rico e Lucía Rivas.

A convocatoria está formada por: Martina Rivas, Vázquez, Lucía Mariño, Paula Novo, Noelia Mayo, Paula Monteagudo, Redru, Sara Cercido, Laura Ruiz, Carmen Carballada, Laura Otero, Laura Santos, Anfal El Yamani e Yanis Citoula; ademais de Emma Gandoy, Iria Otero e Ana Capelo, do Orzán SD Sub-21; e Antía Veiga, do Orzán SD Cadete.

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva de Abegondo.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar as localidades e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición da bancada nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Ademais deste encontro que acapara a atención do fútbol feminino galego, xóganse outros 3 partidos mañá sábado 26 en ANOSACANTEIRA feminina.

O Orzán SD Cadete visita ao Sporting Burgo (20:00); e xogan como locais ás 16:00 o Orzán SD Infantil A na Torre ante o Santa Cruz CF e o Orzán SD Infantil B fronte ao Silva SD (San Pedro de Visma).

Pechan a xornada o domingo 27 ás 16:00 na Torre os partidos do Orzán SD Sub-21, líder da Primera Autonómica, ante o Victoria FC B; e o do Orzán SD Xuvenil ante o Orillamar SD.

O calendario de partidos é o seguinte:

Tercera Federación
8ª xornada: DEPORTIVO ABANCA B - RC CELTA, mañá sábado 26 de outubro ás 12:30 en Abegondo
Clasificación: 1. Deportivo ABANCA B, 19 puntos; 2. Olímpico de León, 18 puntos; 3. RC Celta e Sárdoma CF, 16 puntos...

Primera Autonómica
7ª xornada: ORZÁN SD SUB-21 - VICTORIA FC B, o domingo 27 de outubro ás 16:00 na Torre (campo 2)
Clasificación: 1. Orzán SD Sub-21, 16 puntos; 2. RC Celta B, 15 puntos; 3. SD O Val, 14 puntos... 7. Victoria FC B, 10 puntos...

Segunda Autonómica
7ª xornada: ORZÁN SD XUVENIL - ORILLAMAR SD, o domingo 27 de outubro ás 16:00 na Torre (campo 1)
Clasificación: 1. SCD Pastoriza e Xallas FC, 16 puntos; 3. Sporting Burgo, 15 puntos; 4. Orzán SD Xuvenil, 14 puntos; 5. UD Carral, Brexo Lema SD e SD Tordoia, 13 puntos... 15. Orillamar SD, 1 punto...

Liga Galega cadete
5ª xornada: SPORTING BURGO - ORZÁN SD CADETE, mañá sábado 26 de outubro ás 20:00 no campo da Lavandeira (O Burgo, Culleredo)
Clasificación: 1. Racing de Ferrol, 12 puntos; 2. CD Narón, 10 puntos; 3. Victoria CF (un partido menos) e Orzán SD Cadete (un partido menos), 9 puntos... 11. Sporting Burgo, 1 punto

Liga Galega infantil
5ª xornada: ORZÁN SD INFANTIL A - SANTA CRUZ CF, mañá sábado 26 de outubro ás 16:00 na Torre (campo 1)
5ª xornada: ORZÁN SD INFANTIL B - SILVA SD, mañá sábado 26 de outubro ás 16:00 en San Pedro de Visma (campo 2)
Clasificación: 1. Victoria CF e Orzán SD Infantil A, 12 puntos; 3. SCD Milagrosa, 9 puntos; 4. CD As Pontes, 7 puntos; 5. Orzán SD Infantil B, 6 puntos; 6. Santa Cruz CF, 4 puntos... 9. Silva SD, 3 puntos...