RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ortolá: "Vou deixarme a pel en cada adestramento e en cada partido"

Adrián Ortolá Vañó (Xàbia, 20 de agosto de 1993) foi presentado esta mañá como novo xogador do Dépor 2018-2019 cedido por un ano polo Fútbol Club Barcelona con opción de compra.

En primeiro lugar, o novo inquilino da portería deportivista pousou coa súa nova camiseta para os medios gráficos no campo 1 da Cidade Deportiva, acompañado polo Director Deportivo do Club, Carmelo del Pozo.

A continuación, púxose a disposición dos medios de comunicación na sala de prensa.

Ortolá quixo en primeiro lugar "agradecer ao Club e a Carmelo que fixesen posible que estea aquí. Estou moi contento de chegar a un Club histórico. Estes días foron moi bonitos, tanto o partido que puiden xogar o outro día. Con moitas ganas de traballar e de que empece a liga".

O novo gardameta deportivista explica, sobre a concepción do fútbol de Natxo González, que "seremos un equipo que queremos ter o balón para así ter máis ocasións e que nos ataquen o menos posible. Ser un equipo organizado e que teña o balón para crear canto máis mellor".

Recoñece neste sentido que "cando me chamaron e dixéronme a idea de xogo, encaixábame perfectamente. É o que buscamos ambas as partes".

Preguntado por esa cesión con opción de compra, admite estar "moi ilusionado con este proxecto. Veño con moitas ganas de traballar, de axudar ao equipo e ao Club". Nesta liña, admite que "se existe esa opción de compra é porque todas as partes aceptamos. A miña prioridade é traballar para o Deportivo, estar o máis arriba posible para que tanto o equipo como o Club crezan, porque a Segunda División é unha categoría na que non debe estar. Veño traballar e se me teñen que comprar, moi contento por iso", apostila.

Conta así a súa chegada ao Deportivo: "Ao recibir a chamada de Carmelo non dubidei nin un momento en facer todo o posible para vir para acá. Estou moi contento da decisión que tomei".

Recalca que do Dépor atráelle "a súa historia. É un Club que sempre me gustou a historia que tivo. O Club, a cidade, faláronme moi ben do Club. A verdade é que cando me chamou Carmelo tiña clarísimo que quería vir aquí".

O ex porteiro barcelonista insiste que "o Deportivo é un Club que atrae a todos os xogadores tanto pola historia que ten como pola mentalidade da afección, de vivir cada partido, de vivir o fútbol. É espectacular. Estou moi contento de estar aquí".

Nesta liña, promete que "vou traballar e a deixarme a pel en cada adestramento e en cada partido".

Os seus poucos días ás ordes de Yván Castillo, preparador de porteiros, están a ser moi positivos, segundo recalca Ortolá: "Tentamos facer moitos xogos en colectivo, para competir entre nós mesmos, que haxa bo 'feeling' entre todos e moi contento".

Con 63 partidos ás súas costas en Segunda División co Barça B, o meta deportivista vaticina unha liga "moi competitiva. Será un reto moi difícil. Loitaremos para estar o máis arriba posible aínda que non será fácil".