O Deportivo conclúe mañá sábado 19 de agosto a pretemporada cun último amigable a partir das 19:30 horas no campo de Espiñedo ante o CD Arenteiro, equipo que tamén milita no grupo 1º de Primera Federación.
O partido, incluído na #DéporXiraAugadeParada grazas á firma Auga de Parada, poderase seguir por YouTube na canle oficial do Club.
Para o público que queira asistir ao último amigable, as entradas custan 10 euros.
Imanol Idiakez modificou a planificación semanal e suspendeu o adestramento previsto para mañá sábado. Por conseguinte, o técnico deportivista fixo pública este mediodía a lista de convocados, da que caen Yeremay e Paris Adot, a pesar de que ambos xa realizan tarefas co grupo.
Mella, Jairo, Martín Ochoa, Diego Gómez, Marc e Nájera representarán a #ANOSACANTEIRA na convocatoria de 23 futbolistas.
En rolda de prensa, Pablo Martínez, un dos futbolistas con máis experiencia do cadro, subliñou esta mesma mañá que "non hai que mirar os resultados que facemos nin os equipos contra os que xogamos. Estamos aquí para traballar, nada máis".
Esta mañá, após unha activación cun xogo de velocidade e roldo, o cadro deportivista realizou un exercicio táctico por liñas e a continuación movementos con balón.
Pola súa banda, o CD Arenteiro xogou en Abegondo esta mesma semana ante o Fabril, con vitoria pola mínima (1-2) sobre o filial deportivista.
Esta pretemporada, o cadro ourensanista igualou co CD Lugo (1-1) e adxudicouse nos penaltis (4-3) o Trofeo Festas do Polbo; co Pontevedra CF (1-1); e co RC Celta Fortuna (0-0).
Nas filas do CD Arenteiro, campión a pasada campaña do seu grupo en Segunda Federación, milita cedido o meta branquiazul Pablo Brea; ademais tamén dos ex deportivistas Miku e Romay.
Finalizado o encontro, o Dépor descansará o domingo e adestrarase de novo o luns 21 de agosto a partir das 10:30 en Abegondo.