RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Pablo Vázquez cre que este bo momento do Dépor simplemente é o reflexo a todo o que levamos facendo estes meses atrás

Pablo Vázquez foi o protagonista na sala de prensa de Abegondo.

O central branquiazul desvela que "cando acabamos o domingo pasado o partido (en Pamplona), non lembro quen me dixo: 'xa teño ganas de xogar o domingo contra o Lugo'. Iso dinos que estamos todos entregados, con ese puntiño de confianza e con esas ganas de seguir alargando este bo momento, que simplemente é o reflexo a todo o que levamos facendo estes meses atrás".

Cuarto equipo menos goleado da categoría con 19 goles encaixados, igualado coa Cultural Leonesa, opina que "o bloque defensivo ou a seguridade defensiva é o principal alicerce para que un equipo funcione. Agora estamos nun momento de cohesión e todo o mundo está entregado a defender, desde a punta até o porteiro. Non se aforra unha carreira, ninguén escatima un esforzo e iso recompénsase co recibir tan pouquiño por partido. O outro día o Osasuna até o minuto 70 non se achegou á área. E iso pon en valor tamén ese traballo desde a punta até o porteiro".

Vaticina este domingo 3 de marzo ás 19:00 horas en ABANCA-RIAZOR (TVG-2 e FEF TV) un partido "moi igualado": "O CD Lugo está nun bo momento. Leva unha xeira bastante boa. Sobre todo fóra de casa está a sacar bastantes puntos e espero un equipo experimentado sobre todo, que sabe o que fai. Con Trashorras, o novo adestrador, cambiaría e melloraría algunhas cousiñas que quizais non as tiña tan ben antes. É un equipo moi competitivo, que domina moito a transición, os duelos, que agora trata mellor o balón que antes".

A 1 punto da SD Ponferradina, Pablo Vázquez non ten présa por alcanzar o lidetato e si "por seguir atopando estas sensacións que vimos tendo semana após semana. Quizá nos atopamos moi rápido coa posibilidade de estar a un partido do liderado, pero iso non nos obsesiona nin nos quita o soño. Nós enfocámonos en gañar todos os partidos, que creo que temos capacidade, e a partir de aí irémonos atopando a posición, pero sen présa porque aínda queda moitísimo".

Lembra que após o partido en León ante a Cultural de mediados de xaneiro, "estabamos a 8 puntos ou 7 deles. E agora están 6 por detrás. Evidentemente foi todo moi rápido, pero é o que teñen estas xeiras de vitorias. É que custa moito gañar e os equipos vanse deixando puntos. E cando ti atopas ese puntiño e sáeche todo, as distancias recórtanse. Esta xeira é a que estabamos a esperar todos desde o principio e é a que nos abriu todas as posibilidades para todo outra vez".

A nivel individual, recoñece que "non viña coa idea de facer pronto tantos goles pero estáseme dando ben a faceta ofensiva este ano e eu encantado porque sumar iso tamén pon en valor moitas cousas, moito traballo de balón parado, moita dedicación... Eu tentarei sumar os máximos posibles e creo que aínda me quedan uns cuantos. Esperemos".

Finalmente, o futbolista branquiazul ve nos rivais "unha sensación distinta. Agora o que se enfronta ao Dépor sabe que o Dépor xa é o equipo ese que quería ser ao principio. Antes había algunhas dúbidas, un pouco de incerteza e agora non hai ningunha. Iso sente igual que eu sinto moitas cousas, sentes cando o teu rival está contra as cordas; supoño que eles sentirán que estamos moi enchufados. Non sei cantos partidos levamos xa que ao primeiro minuto xa chegamos 3 veces á área. Iso di moito de que estamos ansiosos por seguir nesta dinámica".

Así mesmo, recalca que "aquí cremos sempre. Entendo que desde fóra se deixou de crer ou se creu menos pero nós desde o principio estivemos moi unidos. O míster cada semana viña coa crenza de que podiamos saír adiante. Ao final, tanto insistir levounos a este momento, que non é máis que estar a pelexar polo obxectivo. Non conseguimos nada e aínda queda moitísimo. Ou sexa que con calma".