RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

Paco Zas, cuadraxésimo terceiro presidente do RC Deportivo

Paco Zas resultou elixido Presidente do RC Deportivo, o cuadraxésimo terceiro nos case 113 anos de historia do Club, tralas votacións realizadas na Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas celebrada esta tarde-noite en Palexco.

O Salón Gaviota do centro de convencións do porto coruñés acolleu a Xunta na que a directiva presidida desde o 21 de xaneiro de 2014 por Tino Fernández presentou a súa dimisión.

Pouco antes das 23:00 horas finalizaba o reconto de votos, que daba como gañador a Paco Zas xunto aos outros 5 membros da súa candidatura: Juan Manuel Sánchez Padrós, Jorge Borrajo Dios, Alberto Méndez Rodríguez, Jesús Chapela Rey e Pablo Ruiz Cuadrado.

Francisco Martínez Zas (A Coruña, 9 de xullo de 1961) foi xogador do Deportivo desde os 13 até os 25 anos. Comezou nos infantís e os xuvenís antes de dar o salto ao Fabril, no que militou entre 1979 e 1983, xogando 124 partidos e anotando 4 goles. Tamén defendeu a camiseta do Deportivo nunha ocasión, nunha das xornadas de folga de futbolistas profesionais de principios dos anos 80. Foi nun partido de Segunda División ante o Burgos no campo de El Plantío, o 11 de abril de 1982. Posteriormente xogou cedido no Calvo Sotelo de Puertollano (1983-1985) e o Linares (1985-1986), antes de fichar polo Bergantiños. Nos últimos anos colaborou activamente coa Asociación de Veteranos do Deportivo, da que é vicepresidente.