Partido en espazos amplos, tarefa principal dun Dépor no que "van todos a un tempo"
Un partido en espazos amplos, con plan de xogo, no campo 3 foi a tarefa principal do día esta mañá en Abegondo.
Cristian Herrera, na súa presentación, sostén que o do Dépor "é proxecto que xa desde o ano pasado vai collendo forma. Vese un gran equipo, unha gran familia, que van todos a un tempo".
De feito, o dianteiro deportivista destaca "a experiencia, o liderado" de Lucas; e "xente experimentada" como Germán ou Pablo Vázquez, "boa xente que teñen sempre o equipo unido".
Unha activación cun exercicio de transicións no campo 2 completou o adestramento sobre o céspede.
Todo o cadro estivo a disposición de Imanol Idiakez aínda que Sergio Escudero fixo unha parte co grupo e outra co readaptador, Fernando Rodríguez.
Mañá mércores 11 de setembro Os Nosos realizarán a partir das 11:00 a última sesión da semana en Abegondo posto que o xoves 12 o equipo adestrarase a partir das 19:00 na Cidade Deportiva do Córdoba CF no último ensaio previo ao choque do venres 13 de setembro ás 20:30 no Nuevo Arcángel (LaLiga TV Hypermotion e #Vamos).