Coincidindo co 25º Aniversario da consecución do primeiro título da historia do Real Club Deportivo, a Copa do Rei de 1995, o 27 de xuño daquel ano no Santiago Bernabéu de Madrid, presentouse a imaxe da camiseta branquiazul da temporada 2020-2021, bautizada como Pel'95 na parte posterior exterior do pescozo, xunto á silueta da Copa, e baixo a lema común de Espírito'95 na etiqueta interior, elemento idéntico para toda a colección de elásticas da temporada.
Recuperar un deseño que marcou unha época: o ascenso do 91, a promoción do 92, o subcampionato de Liga do 94, o debut europeo e a culminación coa Copa e SúperCopa de 1995, é a homenaxe que desde o Real Club Deportivo quérese realizar a todos os que protagonizaron aquela etapa inesquecible e a todos os deportivistas que gozaron do Súper Dépor en primeira persoa. Tamén é unha forma de contar e lembrar ás novas xeracións de afeccionados branquiazuis o que sucedeu hai un cuarto de século.
A camiseta recupera os detalles máis significativos daquel deseño de principios dos 90: as liñas en forma de T na parte frontal, a dobre liña nas mangas cun espazo branco que naquela época ocupaban os dorsais, e que a próxima temporada estárá ocupado polas marcas de LaLiga e Luckia, o pescozo tipo polo e rematado en pico, ademais da homenaxe textual á efeméride. Tanto debaixo do escudo, coa lenda: "25 aniversario. Campións Copa do Rei 1995" como na cinta elástica interior da parte inferior coas lendas: "CAMPIÓNS 1995 RCDEPORTIVO A CORUÑA 1906", todas elas separadas pola silueta da copa.
Os pantalóns tamén levarán a clásica liña branca daquel deseño mentres que as medias serán completamente azuis.
Os encargados de lucir por primeira vez a camiseta, que estará dispoñible nas DéporTiendas ao comezo da Temporada 2020-2021, son Alfredo Santaelena e Javier Manjarín, protagonistas cos seus goles da inesquecible final do 24 e 27 de xuño de 1995, marcada polo seu acerto e polo chuvieiro que obrigou a suspender a final e pospor o feliz desenlace final tres días. 25 anos despois de novo tocoulles mollarse de novo para recuperar o Espírito do 95.