Enrique Fernández López (Trebujena, Cádiz, 16 de setembro de 2003), coñecido como Quique Fernández, reforza o centro do campo do Fabril para as 2 próximas temporadas.
Este novo mediocentro, formado na canteira do Real Betis, xa debutou na Europa League co equipo andaluz na temporada 2022-23 ao disputar minutos ante o Ludogorets. Á temporada seguinte saltou ao céspede tamén na citada competición continental fronte ao Aris Limassol.
No filial bético de Segunda Federación Quique Fernández xogou 30 partidos na temporada 2022-23 e 26 encontros na campaña pasada (2023-24), cun total de 3.084 minutos de xogo nesta categoría.
O futbolista gaditano é internacional español en categoría sub-16, coa que xogou 4 partidos.