Foto: - www.frf.ro -
Mañá xoves 9 de novembro entran en xogo coa súa selección tres xogadores do Dépor: Fabián Schär con Suíza; Andone e Pantilimon con Romanía; ademais do fabrilista Ismael Díaz con Panamá.
Schär, con Suíza, visita a Irlanda do Norte
O deportivista Fabian Schär e a súa selección, Suíza, pelexará contra Irlanda do Norte por un billete para o Mundial de Rusia 2018. Será en formato de eliminatoria de ida e volta.
O partido de ida xogarase mañá xoves 9 de novembro no Windsor Park de Belfast (Irlanda do Norte, 19:45, hora local); e a volta o domingo 12 de novembro (18:00 horas) no St. Jakob Park de Basilea (Suíza).
O central branquiazul foi titular indiscutible en toda a fase de grupos, na que Suíza acabou segunda do grupo 2, igualado a 27 puntos coa primeira clasificada, Portugal, pero con peor diferenza de goles que os lusos.
Romanía, con Andone e Pantilimon, fronte a Turquía
Os futbolistas branquiazuis Florin Andone e Costel Pantilimon foron convocados para dous partidos amigables da súa selección, Romanía.
Os encontros serán ante Turquía no Estadio Constantin Radulescu de Cluj mañá xoves 9 de novembro (20:15 horas), e o martes 14 de novembro en Bucarest fronte a Holanda (21:00 horas).
Romanía quedou fóra da próxima edición do Mundial, en 2018 en Rusia, ao quedar clasificada en cuarta posición no seu grupo, por detrás de Polonia, Dinamarca e Montenegro.
O fabrilista Ismael Díaz terá como rival a Irán
Hernán Darío Gómez, seleccionador de Panamá, convocou ao xogador do Fabril Ismael Díaz para dous partidos preparatorios para o Mundial de Rusia 2018.
Así, mañá xoves 9 de novembro, os panameños mídense a Irán (19:30 horas) no UPC-Arena de Graz (Austria).
O martes 14, Panamá visita a Gales, no City Stadium de Cardiff ás 19:45 (hora local).
España será un dos rivais de Celso Borges
Celso Borges e a súa selección, Costa Rica, tamén clasificada para o Mundial, disputará dous amigables en Europa.
O primeiro deles será o sábado 11 de novembro no Estadio de La Rosaleda de Málaga (21:30 horas) ante España.
E o martes 14 de novembro, os 'ticos' visitarán a Hungría, no Estadio Ferenc Puskas de Budapest (20:15, hora local).
Dous partidos amigables para Fede Valverde e Uruguai, ambos en Europa
Do mesmo xeito que Celso Borges, Fede Valverde aforrouse un longo desprazamento a Sudamérica neste parón ligueiro, debido a que a súa selección, Uruguai, xa clasificada para o Mundial de Rusia, disputará dous partidos amigables en Europa.
O primeiro deles será ante Polonia, en Gdansk, o venres 10 de novembro (20:45 horas), e o segundo fronte a Austria, no estadio Ernst Happel de Viena, o martes 14 de novembro (20:45 horas).
Nixeria cita por primeira vez ao porteiro Francis Uzoho
Francis Uzoho, gardameta que recentemente debutou en partido oficial coa camiseta do RC Deportivo, foi chamado por primeira vez pola selección de Nixeria, para o último encontro de clasificación para o Mundial de Rusia 2018 e un amigable.
Nixeria, xa clasificada para a fase final da Copa do Mundo do próximo verán, pechará a liguiña eliminatoria fronte a Alxeria no estadio Chahid Hamlaoui de Constantina (Alxeria) o venres 10 de novembro. O martes 14 de novembro disputará un amigable ante Arxentina no Krasnodar Stadium, en Krasnodar (Rusia)