Clarence Seedorf subliñou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que os futbolistas branquiazuis "adestraron con moita profesionalidade esta semana. Hoxe un pouco máis relaxado porque os outros 3 días foron intensos. Estou bastante orgulloso deste grupo porque colleron unha mentalidade de querer adestrar sempre ben e facer as cousas ben".
Insiste o técnico holandés que "imos tentar ir a Valencia, sabendo que é un gran equipo con talento, para terminar da mellor maneira posible esta temporada".
Do choque ante o conxunto che, di que "a xente (en referencia aos seus xogadores) pode mostrar o seu valor. Igual abrir un mercado que hoxe non ten. Hai varios futbolistas aquí que están neste tipo de situación e teñen que aproveitar calquera momento para aumentar posibilidades, crear futuro. E con isto na mente vou poñer o equipo. Non imos aí para recibir 5 goles. Iso está moi claro".
Preguntado sobre o seu futuro, lembra que "o Club (en boca do presidente Tino Fernández) dixo que quere esperar 2 ou 3 semanas para decidir. Claramente ninguén máis, nin xogadores nin adestrador, pode pensar outra cousa que non sexa o partido de Valencia", deste domingo 20 de maio ás 12:00 horas (Bein LaLiga), na última xornada ligueira de LaLiga Santander.
Nesta liña apunta que "ten proxectos interesantes pero neste momento quero terminar ben. E logo quero escoitar proxectos, ver o que hai".
Sostén que "foi e é un orgullo traballar con este grupo. Atopei todo o contrario do que escoitei. Doulles o parabén por todo o que deron, porque despois os resultados non chegaron. Non conseguimos o obxectivo. Hai moita desilusión por isto. Hai moita xente que até contractualmente son penalizados por non poder conseguir este obxectivo. Somos os primeiros que sufrimos este feito. Pero na vida dos futbolistas, do staff técnico, o que queda son as relacións. E o que podo dicir é que as relacións que se crearon aquí dentro son máis que boas, son moi fortes, con moita lealdade. Hai un ambiente estupendo, de gran respecto. Isto foi un éxito que conseguimos entre todos, que ten moito valor para que este Club poida seguir construíndo sobre o que se creou aquí".
Recalca que os resultados no campo víronse, referíndose a "resultados de xogo. Unha filosofía, unha identidade do equipo. E contra os equipos máis importantes de España, deixando unha imaxe moi boa, de nivel do grupo. E iso ten valor. Despois só imos ver os números, que din que gañamos só 2 veces, empatado 6 e perdido 7. O traballo tivo os seus froitos", conclúe.
Quere deixar claro que "a desilusión é moi grande por non conseguir o obxectivo. Polo traballo que se fixo nós tiñamos que quedarnos en Primeira. Pero o deporte é isto. Si que é unha pena non poder seguir en LaLiga. Nesta fase é xusto deixar ao Club espazo para deixar as cousas claras e tomar as decisións que cren mellores. Non quero presionar a ninguén. Despois de tantos anos, o Dépor necesita facer as cousas ben. Quero que faga as cousas ben polo Club, polo futuro do Club. Para que a afección poida volver soñar con cousas reais".
Cre Seedorf que o Deportivo necesita agora "un traballo ben feito, unha programación ben feita, un plan ben feito. Un plan que vai máis aló dun ano".
Recomenda que "o último que hai que dicir á afección é que se vai a subir nun ano. Está claro que quen está aí quere subir, é un obxectivo. Pero non depende só de ti conseguilo". Por iso pide "con moito realismo comunicar as posibilidades. Antes de falar hai que ter un plan".