O Cordoba CF e o Deportivo abren mañá venres ás 20:30 (LaLiga TV Hypermotion e #Vamos) a 5ª xornada en LaLiga Hypermotion no Nuevo Arcángel, coa presenza duns 150 deportivistas nas bancadas.
Os branquiazuis chegan a este segundo partido consecutivo en Andalucía coa baixa de Sergio Escudero, que segue co seu proceso de recuperación.
Os Nosos, con 4 puntos após o cultivado en Granada o pasado sábado, son décimo quintos na táboa.
En rolda de prensa onte mércores na Cidade Deportiva de Abegondo, Imanol Idiakez advertiu que está en proceso de "ir descubrindo as posibilidades que me vai dando o equipo".
Neste sentido, lembrou o preparador deportivista que "é un equipo novo. Hai xente que se incorporou tarde e non leva nin as 6 semanas que serían de pretemporada connosco; co cal evidentemente se sempre hai un período de adaptación, á xente que chega practicamente coa competición empezada necesita un pouquiño de tempo, sobre todo para meterlles cando estean preparados".
Destaca como un das súas aprendizaxes nestas primeiras xornadas "a riqueza que teñen algúns futbolistas de ser capaces de interpretar dentro do propio partido dúas posicións tan diferentes como lateral esquerdo e extremo dereito; como enganche e mediocentro; como mediocentro e lateral. Iso é unha riqueza".
Os Nosos viaxaron hoxe xoves á primeira hora da mañá a Córdoba, vía Madrid, e exercitáronse esta tarde na Cidade Deportiva Rafael Gómez do conxunto andaluz ante a presenza de medio centenar de afeccionados, algúns deles ataviados coa camiseta branquiazul.
Cunha temperatura roldando os 30 graos, o corpo técnico dispuxo após unha activación con roldo un partido a tres cuartas partes de campo. Todo iso por espazo de pouco máis dunha hora.
Pola súa banda, o Córdoba CF dos ex deportivistas Adrián Lapeña e Kuki Zalazar, encara o seu segundo encontro consecutivo en casa após o da pasada fin de semana tamén no Nuevo Arcángel ante o Málaga CF e que finalizou con empate sen goles (0-0).
No outro partido ante a súa afección nesta liga, na 2ª xornada, tamén empatou (2-2), esta vez ante o Burgos CF.
Así pois, os blanquiverdes teñen 2 puntos, situados na 21ª posición da táboa.
Iván Ania, en rolda de prensa, admitiu que "necesitamos conseguir esa vitoria. A sensación do outro día foi buenísima pero faltounos a vitoria. Está claro que cando non podes gañar é importante non perder. Concedemos pouquísimo. Fomos capaces de deixar a portería a cero pero se queremos escalar na clasificación temos que sumar de 3 en 3".
O técnico do Córdoba CF cre que os dous equipos están a pasar un período de adaptación á categoría e, iso si, vaticina que os 4 equipos ascendidos "imos ser importantes" en Segunda División.
Varios medios de comunicación fixéronse eco nesta semana dun partido de Copa del Rey entre os dous equipos disputado un 11 de setembro de 2013 no Nuevo Arcángel na que pasou de rolda o Dépor após a quenda de penaltis máis longa da historia da competición, cun total de 28 lanzamentos. Aquel encontro, con Fernando Vázquez no banco deportivista, acabou con empate (2-2) ao final do tempo regulamentario.
Finalizado o partido de mañá venres, o Dépor pasará a noite en Sevilla e viaxará en avión o sábado á primeira hora da mañá directo a adestrar a ABANCA-RIAZOR nunha sesión que arrincará ás 10:30 (hora aproximada).