RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Sidnei vaticina este venres ante o Málaga "un partido de alta tensión"

Sidnei Rechel foi o protagonista esta tarde na sala de prensa de Abegondo.

Do partido deste venres 6 de abril no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Málaga CF (21:00 horas, Bein LaLiga), indica que "vimos de moitas semanas sendo unha semana crave. Agora temos que pensar no seguinte e o venres temos que sacar os 3 puntos".

Recoñece que "estamos a vivir un momento moi complicado. Cada partido, sexa o adversario que sexa, temos que pensar só en sacar os 3 puntos. É difícil estar na situación que estamos na clasificación. A nosa preocupación é esta. Temos que traballar para sacar isto adiante", engade.

Non cre que sexa ante o Málaga un partido de máis presión: "Presión estamos a ter xa en moitos partidos. O do venres será un partido de alta tensión, onde sabemos o que nos estamos xogando e canto é de importante".

Pide Sidnei nestes momentos "estar todos xuntos porque só así se pode conseguir o obxectivo".

Sendo coñecedores da distancia que está o equipo da salvación, a 8 puntos do Levante, "cremos e estamos a traballar para conseguir o noso obxectivo".

Nesta liña, preguntado por se apostaría pola permanencia do Dépor en LaLiga Santander, o defensor deportivista foi rotundo: "Por suposto que si. Se non me iría a casa xa".

Explica que o vestiario é consciente que "pode gañar moitos partidos. O outro día (no Wanda Metropolitano) foi un exemplo. Creo que xogamos moi ben, merecemos moito máis e ao final non sacamos nada. Confiamos plenamente no grupo, en nós. Podemos conseguir as vitorias que necesitamos".

Precisamente do polémico penalti que posibilitou o triunfo do Atlético de Madrid, destaca que "esa xogada pasa moitas veces en moitos partidos e non se pita. E este partido pitárono. Temos que seguir adiante e pensar en nós".

Nesta liña, tamén opina que será clave "nestes momentos nos que estamos agora e por todo o que vén pasando durante toda a temporada, minimizar ao máximo os erros porque cada erro o estamos pagando moi caro".

Conclúe Sidnei que en todos os anos que leva na Coruña, "polo que vén pasando durante toda a temporada, pode ser a situación máis complicada" desde que é xogador do Dépor.