RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Suspendido o Deportivo-Betis polas desfeitas do temporal nas cubertas de Riazor

O temporal de vento que azouta Galicia nas últimas horas causou importantes danos na cuberta do Estadio Municipal de Riazor, especialmente a da bancada de Pavillón Superior. Tamén a bancada de Marathón Superior viuse afectada polo vento. Centos de anacos de uralita desprendéronse da cuberta de Riazor, caendo nas rúas contiguas, na zona entre o Pazo dos Deportes de Riazor e o estadio e no propio céspede do municipal coruñés. Esta situación podería repetirse esta tarde á hora do partido, cando están previstas refachos de vento superiores ás que xa sufriu a instalación nas últimas horas.

Para garantir a seguridade dos espectadores, xogadores e resto de profesionais que acoden ao Estadio de Riazor, e á vista dos informes técnicos do estado das cubertas, previsións meteorolóxicas dispoñibles e o aviso municipal de cancelación das actividades deportivas na zona de Riazor, aprázase o partido. En coordinación con LaLiga e o Real Betis Balompié, proximamente buscarase nova data e hora para poder disputar o partido.

A importante deterioración das cubertas do Estadio Municipal de Riazor, único elemento cuxo mantemento é responsabilidade do Concello da Coruña e sobre o que o Real Club Deportivo non pode levar a cabo ningún tipo de actuación, obriga a tomar unha decisión que leva importantes custos de imaxe ao Club, a LaLiga e á propia cidade, pero na que se quere poñer por diante a seguridade de todos.