Luisinho compareceu esta tarde na sala de prensa de Abegondo ante os medios de comunicación. Advirte de cara ao choque deste sábado 17 de febreiro en Mendizorroza ante o Alavés (18:30 horas, Bein LaLiga), que "necesitamos puntos. Contra o Betis, no primeiro partido do novo adestrador, tiñamos ilusión de gañar e empezar unha nova era. Agora é un partido importante pero os demais tamén son importantes".
Precisamente sobre Mendizorroza, o defensor deportivista apunta que "é un campo difícil. É un campo no que aperta bastante (o público). O factor cancha conta bastante. Vai ser un partido no que hai que estar concentrado do primeiro ao último minuto. Sabemos das dificultades que imos ter porque se nos gañan, dan un salto moi grande. Por iso van apertar desde o inicio".
Pide en Vitoria "non sufrir goles. O equipo ante o Betis tivo unha actitude diferente. Estivo sempre vivo no partido. E ao final saes con cero puntos. Hai que marcar. Todos os partidos agora van ser difíciles, imos ter unha presión moi esixente e imos estar capacitados para iso. Só así podemos saír desta situación".
Por este motivo, percibe certa ansiedade no vestiario: "É normal que o equipo estea ansioso polo que non está a saír ben durante toda a temporada. Cando sofres un gol é normal que esa ansiedade aumente. Somos profesionais, experimentados nesta categoría. Só nós podemos sacar ao Club desta situación".
Como cada vez que fala ante os medios de comunicación, Luisinho sostén que "temos cadro para saír desta situación. Hai que crer en nós, hai que ter fe que aínda é posible saír".
Pero advirte que "hai que pelexar, non hai que desistir. Faltan quince xornadas. Cada partido vai ser diferente e cada vez aumenta a presión e a dificultade. Non podemos desistir. Se desistimos somos os primeiros en baixar os brazos. Sabemos que temos que empezar a puntuar o máis rápido posible".
Preguntado por Clarence Seedorf, Luisinho destaca do técnico holandés que "é unha persoa cunha mentalidade positiva. Cre que é posible sacar ao equipo desta situación. Sabe que o equipo ten capacidade. Agora ben non chega só coa calidade técnica. Hai que meter un plus máis, hai que ser solidarios, hai que ter unión. Só así podemos saír desta situación. Hai quince xornadas, quedan moitos puntos. Se nós unímonos e tomamos conciencia da realidade na que estamos, é posible saír".
Finalmente, en opinión de Luisinho, "non é normal" que por cuarta temporada consecutiva o Dépor pelexe para evitar o descenso. "Pódeche pasar un ano, agora catro ou cinco... é porque algo non está ben feito. Non podemos botar só a culpa ao grupo de traballo. Nós asumimos unha parte de culpa, porque estamos no campo, somos os que tomamos decisións, os que nos equivocamos. Pero hai que asumir todas as responsabilidades destes anos".